Amina
composto químico orgánico / From Wikipedia, the free encyclopedia
As aminas son compostos químicos orgánicos que se consideran derivados do amoníaco, orixinados pola substitución dos hidróxenos de dita molécula por radicais alquilo ou arilo (aromáticos) [1]. O grupo químico característico das aminas denomínase grupo amino. Nas aminas poden substituírse un, dous ou tres hidróxenos do amoníaco, dando lugar, respectivamente, a aminas primarias, secundarias ou terciarias [2]. As aminas denomínanse simples cando os grupos alquilo son iguais e mixtas cando son diferentes. Poden ser tamén cíclicas.
Entre as aminas primarias están, por exemplo, a anilina e a metilamina; entre as secundarias, a dietilamina e a isopropilamina, e entre as terciarias, a dimetilbencilamina ou a trimetilamina. Teñen tamén a función amina os aminoácidos, as aminas bióxenas (por exemplo a histamina, dopamina), e as poliaminas (con varios grupos amino).
Os derivados inorgánicos do amoníaco tamén se consideran xeralmente aminas, como a cloramina (NClH2). Ás veces fálase de amina cuaternaria cando o nitróxeno está unido a catro grupos químicos e adquire carga positiva, pero segundo a IUPAC eses compostos deberían denominarse catións de amonio cuaternario ou compostos de amonio cuaternario (véxase colina). Os compostos nos que o átomo de nitróxeno está unido a un grupo carbonilo (C=O) coa estrutura R-C(=O)NR'R" non son aminas senón amidas [3], as cales teñen propiedades moi diferentes.
- Amina terciaria (trimetilamina)
- Amina aromática (anilina)
- Amina cíclica non aromática (piperidina)
- Amina cíclica aromática (piridina)