Alfred Hitchcock
director de cine británico nacionalizado americano, mestre do xénero do thriller de suspense / From Wikipedia, the free encyclopedia
Alfred Joseph Hitchcock, nado en Leytonstone (Londres) o 13 de agosto de 1899 e finado no barrio de Bel Air (Os Ánxeles) o 29 de abril de 1980,[1] foi un director de cinema británico nacionalizado estadounidense. Está considerado como unha das figuras máis influentes da historia do cinema.[2] Nunha carreira de seis décadas, dirixiu máis de 50 longametraxes,[lower-alpha 1] moitas das cales aínda hoxe son moi vistas e estudadas. Coñecido como o "Mestre do suspense",[5] fíxose tan coñecido como calquera dos seus actores grazas ás súas numerosas entrevistas, os seus papeis de cameo na maioría dos seus filmes, e a súa presentación e produción da antoloxía televisiva Alfred Hitchcock Presents (1955–65). Os seus filmes obtiveron 46 nomeamentos aos Premios Óscar, incluíndo seis galardóns, aínda que nunca gañou o premio ao mellor director malia estar nomeado en cinco ocasións.
Hitchcock formouse inicialmente como funcionario técnico e redactor antes de entrar na industria cinematográfica en 1919 como deseñador de intertítulos. O seu debut como director foi o filme mudo británico-alemán The Pleasure Garden (1925). O seu primeiro filme de éxito, The Lodger: A Story of the London Fog (1927), axudou a dar forma ao xénero do suspense e Blackmail (1929) foi o primeiro filme británico con son.[6] Os seus filmes de suspense The 39 Steps (1935) e The Lady Vanishes (1938) están clasificados entre os mellores filmes británicos do século XX. En 1939, xa tiña recoñecemento internacional e o produtor David O. Selznick convenceuno para que se mudase a Hollywood. A continuación realizou unha serie de filmes de moito éxito, entre eles Rebecca (1940), Foreign Correspondent (1940), Sospeita (1941), Shadow of a Doubt (1943) e Notorious (1946). Rebecca gañou o Óscar ó mellor filme, e Hitchcock foi noemado ó mellor director;[7] posteriormente foi nomeado por Lifeboat (1944) e Spellbound (1945). Despois dunha breve pausa no éxito comercial, regresou con Strangers on a Train (1951) e Dial M for Murder (1954); entón pasou a dirixir catro filmes a miúdo clasificados entre os mellores de todos os tempos: A ventá indiscreta (1954), Vertixe (1958), Coa morte nos talóns (1959) e Psicose (1960), o primeiro e o último deles valéronlle nomeamentos ao mellor director.[8] Os paxaros (1963) e Marnie (1964) tamén tiveron éxito financeiro e son moi apreciados polos historiadores do cinema.