Jane Grey
From Wikipedia, the free encyclopedia
Lady Jane Grey, nada arredor de 1537[1] e finada en Londres o 12 de febreiro de 1554, coñecida tamén Lady Jane Dudley tralo seu matrimonio[2] e como "a Raíña dos Nove Días",[3] foi unha nobre inglesa e de facto a raíña de Inglaterra e Irlanda entre o 10 e o 19 de xullo de 1553.
Jane era a bisneta de Henrique VII a través da súa filla María, e era curmá de Eduardo VI. Recibiu unha excelente educación humanista e reputación como unha das mozas máis educadas da súa época.[4] En maio de 1553, casou con Lord Guildford Dudley, un dos fillos máis novos do ministro xefe de Eduardo, John Dudley, duque de Northumberland. En xuño dese ano, Eduardo VI escribiu o seu testamento, nomeando a Jane e o seu home como sucesores da coroa, en parte porque a súa medio irmá María era católica romana, mentres que Jane era protestante e apoiaría a reformada Igrexa de Inglaterra. O testamento nomeaba as súas medio irmás María e Isabel ilexítimas e apartábaas da súcesión, trastocando as súas reclamacións baixo a Terceira Acta de Sucesión.
Trala morte de Eduardo, Jane foi proclamada raíña o 10 de xullo de 1553 e agardou pola coroación na torre de Londres. O apoio a María creceu moi rapidamente, e moitos dos seguidores de Jane abandonárona. O Privy Council of England cambiou supetamente de bando e proclamou a María raíña o 19 de xullo de 1553, depoñendo a Jane. O seu principal apoio, o duque de Northumberland, foi acusado de traizón e executado pouco menos dun mes despois. Jane mantívose prisioneira na torre e foi acusada de alta traizón en novembro de 1553, o que supuña sentenza de morte, aínda que inicialmente se lle perdoou a vida. Porén, o pai de Jane, Henry Grey, 1.º duque de Suffolk, formou parte da rebelión de Wyatt contra a intención da raíña María de casar con Filipe II de España, e Jane foi considerada como unha ameaza á coroa. Ela e o seu marido foron executados o 12 de febreiro de 1554.