Walter Bache
Pianista e compositor británico / From Wikipedia, the free encyclopedia
Walter Bache, nado en Birmingham o 19 de xuño de 1842 e finado en Londres o 26 de marzo de 1888 foi un pianista e director de orquestra británico, destacado pola súa defensa da música de Franz Liszt e outros membros da Nova Escola Alemá en Inglaterra. Estudou de xeito privado con Liszt en Italia entre 1863 e 1865, sendo un dos poucos alumnos aos que llo permitiu, e continuou asistindo regularmente a clases maxistrais con el en Weimar (Alemaña) ata 1885, mesmo despois de iniciar a súa carreira como solista. Este período de estudo non foi igualado por ningún outro alumno de Liszt e deu lugar a un vínculo particularmente estreito entre ambos. Logo das dúbidas iniciais por parte dos críticos ingleses debido a que era alumno de Liszt, Bache foi aclamado publicamente pola súa destreza ao teclado,[1] mesmo cando partes do seu repertorio foran cuestionadas.[2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de xuño de 1842 Birmingham |
Morte | 26 de marzo de 1888 (45 anos) Londres |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda |
Educación | Escola Superior de música e arte dramática Felix Mendelssohn Bartholdy (pt) |
Actividade | |
Ocupación | director de orquestra , profesor de música , pianista |
Empregador | Royal Academy of Music |
Xénero artístico | Música clásica |
Profesores | Moritz Hauptmann (pt) |
Instrumento | Piano |
Familia | |
Pai | Samuel Bache (pt) |
Irmáns | Francis Edward Bache (pt) e Constance Bache (pt) |
O seu principal logro foi o establecemento da música de Liszt en Inglaterra, ao que se adicou desinteresadamente entre 1865 e a súa morte en 1888.[3] Isto sucedeu cando a Guerra dos románticos estaba no seu apoxeo, cando as faccións musicais conservadoras e liberais discutían abertamente sobre o futuro da música clásica e os méritos das composicións escritas nas súas respectivas escolas. Bache programou varias das obras orquestrais e corais a través dunha serie anual de concertos, que financiou, organizou e promoveu en solitario. Do mesmo xeito, deu unha serie anual de recitais que incorporaba música para piano de Liszt.[4]
A estratexia de Bache para a presentación destas obras foi a de familiarizar o público con elas.[5][6] Interpretou os arranxos para piano de dúas das obras orquestrais de Liszt antes da estrea da versión orixinal e programou algúns dos poemas sinfónicos do compositor húngaro pouco despois de que foran estreados en The Crystal Palace. Tamén proporcionou notas de programa informativas e expertas, escritas polos principais analistas musicais e amigos íntimos no círculo de Liszt. A prensa musical inglesa, aínda que era en xeral hostil á música que presentou, sinalou e agradeceu os esforzos de Bache. Liszt mostrouse agradecido, xa que sen Bache, segundo recoñeceu, a súa música non podería ter acadado o punto de apoio que logrou.[7]