Veinteañistas
From Wikipedia, the free encyclopedia
Veinteañistas, veintenos ou exaltados era a denominación que recibían durante o Trienio Liberal (1820-1823) os liberais españois de tendencia máis radical, por oposición aos doceañistas, tamén liberais, pero de tendencia máis moderada.[1]
Os veinteañistas consideraban que a Constitución española de 1812 (denominada de Cádiz ou a Pepa) quedara obsoleta e precisaba de certas reformas nun sentido máis progresista ou cara á “esquerda”, co que debería redactarse unha nova constitución, que fose a do ano vinte (cousa que non conseguiron). A denominación de exaltados facía referencia á súa suposta radicalidade revolucionaria, así como a cuestións máis temperamentais propias do contexto cultural e vital do romanticismo.
Entre os máis destacados veinteañistas estaban o coronel Rafael del Riego, o coronel Antonio Quiroga -que tiña a mesma idade ca Riego e protagonizou con el a rebelión de Cabezas de San Juan, que procedía dunha familia galega moi considerada-[2], Francisco Javier de Istúriz, Espoz y Mina, Juan Romeu Alpuente, José María Calatrava, Álvaro Flórez Estrada, Juan Álvarez Mendizábal,[3] Evaristo Fernández de San Miguel, Antonio Alcalá Galiano,[4] etc.