Varva
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha varva é unha capa anual de sedimento ou rocha sedimentaria. As varvas clásicas eran capas sedimentarias depositadas en lagos de zonas glaciares, pero posteriormente a definición fíxose menos restritiva.
A palabra varva deriva do vocábulo sueco varv entre cuxos significados e connotacións inclúense: "revolución", "en capas" e "círculo". A primeira aparición do termo foi como Hvarfig lera (varva de arxila) no primeiro mapa realizado polo Servizo Xeolóxico de Suecia en 1862.[1] Inicialmente, varva utilizárase para describir cada un dos compoñentes dunha capa anual nos sedimentos de lagos glaciares, pero no Congreso Xeolóxico de 1910, o xeólogo sueco Gerard De Geer (1858-1943) propuxo unha nova definición formal que describía unha varva como o conxunto de calquera capa anual de orixe sedimentario.[2] Outros termos, introducidos máis recentemente, como "laminado anual", son sinónimos de varva.
Entre os moitos acontecementos periódicos que podemos atopar no rexistro xeolóxico, as varvas son un dos máis importantes e esclarecedores para estudar os cambios climáticos do pasado. As varvas encóntranse entre os acontecementos a pequena escala recoñecidos pola estratigrafía.
Unha capa anual de sedimentos pode ser moi visible cando as partículas arrastradas polas augas á capa en primavera, cando hai maior forza da corrente, son moito máis grosas que as depositadas ao resto do ano. Isto forma un par de capas, unha de sedimentos grosos e outra de finos, en cada ciclo anual. O arquetipo clásico de varva é unha parella de capas sedimentarias clara/escura depositada nun lago glacial. A capa clara xeralmente contén limos grosos e areas finas depositados en condicións de alta enerxía cando a auga do desxeo arrastra unha carga de sedimentos ao lago. Durante os meses de inverno, cando se reduce a cantidade de sedimentos que chegan ao lago, ou cando o lago se conxela, deposítase unha fina capa de arxilas, que forma a capa escura. Ademais da variación estacional no proceso de sedimentación e deposición, a formación das varvas require a ausencia de bioturbación. En consecuencia, as varvas fórmanse comunmente en condicións anóxicas.
Ademais de en depósitos lacustres, as variacións na sedimentación estacional nos procesos clásticos, biolóxicos e químicos poden orixinar en certos casos varvas en ambientes mariños. Por exemplo atopáronse sedimentos de tipo varva na conca de Santa Barbara na costa de California.[3]