Tratado de Londres de 1915
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Tratado de Londres (en inglés Treaty of London e en italiano Patto di Londra), foi firmado en Londres o 24 de abril de 1915. Por el, Italia entrou na primeira guerra mundial do lado da Entente. O tratado era secreto e os países asinantes foron: o Reino de Italia, Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, Francia e o Imperio ruso.
Tratado de Londres | |
---|---|
Ratificación | 26 de abril de 1915 |
Localización | Londres |
Signatarios | Reino de Italia Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda Francia Imperio ruso |
Segundo o tratado, Italia recibiría as zonas habitadas por italianos no Imperio Austrohúngaro, gran parte da costa dálmata e o resto dos territorios balcánicos do Imperio Austrohúngaro repartiríanse entre tres estados independentes: o Reino de Serbia, o Reino de Montenegro e Croacia.[1]
A cambio, Italia comprometíase a abandonar a Tripla Alianza, que a unía aos imperios alemán e austrohúngaro[2] e entrar na guerra ao lado da Entente. O cambio de bando acordouse xa a comezos de setembro de 1914 nun convenio secreto asinado en Londres. A entrada na guerra debía producirse en menos dun mes desde a firma do tratado e así se fixo; a declaración de guerra italiana anunciouse o 23 de maio.
A aplicación do tratado quedou moi condicionada pola disolución do Imperio Austrohúngaro e o xurdimento de novas nacións, especialmente Iugoslavia, que non estaban dispostas a aceptar as concesións prometidas a Italia pola Entente, e pola entrada na guerra dos Estados Unidos, que definiron novos obxectivos bélicos e negáronse a admitir a entrega de territorios de maioría eslava a Italia. Finalmente, Italia obtivo só unha parte dos territorios prometidos a través dunha serie de acordos rubricados a inicios da década de 1920. Por outra banda, o réxime fascista italiano sinalou que o país fora enganado e non lograra os territorios que lle correspondían polas maquinacións dos seus aliados.[3] A esta situación os italianos denominárona a Vittoria Mutilata (en galego: a vitoria mutilada) debido a que consideraron que o Reino Unido e Francia non fixeron o suficiente para apoialos nos seus reclamos territoriais.