Transformador
dispositivo eléctrico que permite aumentar o diminuír a tensión nun circuíto eléctrico de corrente alterna, mantendo a potencia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Denomínase transformador[1] a un aparello electromagnético que permite aumentar ou diminuír a voltaxe e a intensidade dunha corrente alterna, mantendo a potencia. A potencia que ingresa no equipo, no caso dun transformador ideal (isto é, sen perdas), é igual á que se obtén na saída. As máquinas reais presentan unha pequena porcentaxe de perdas, dependendo do seu deseño e tamaño, entre outros factores.
O transformador converte a enerxía eléctrica alterna dun certo nivel de tensión, en enerxía alterna doutro nivel de tensión, baseándose no fenómeno da indución electromagnética. Está constituído por dúas bobinas de material condutor, enroladas sobre un núcleo pechado de material ferromagnético, mais illadas entre si electricamente. A única conexión entre as bobinas constitúea o fluxo magnético común que se estabelece no núcleo. Polo xeral, o núcleo é fabricado ben sexa de ferro ou de láminas apiladas de aceiro eléctrico, aliaxe axeitada para optimizar o fluxo magnético. As bobinas ou enrolamentos denomínanse primario e secundario segundo correspondan á entrada ou saída do sistema en cuestión, respectivamente. Tamén existen transformadores con máis enrolamentos; neste caso, pode existir un enrolamento "terciario", de menor tensión que o secundario.