Tesouro de Hoxne
tesouro de ouro e prata da Britania Romana / From Wikipedia, the free encyclopedia
O tesouro de Hoxne é o maior tesouro de ouro e de prata do Imperio Romano tardío achado en Gran Bretaña,[2] así como a maior acumulación de moeda romana de ouro dos séculos IV e V das atopadas en toda a extensión do Imperio.
Tesouro de Hoxne | |
---|---|
· Data do depósito: ca. séculos IV/V d. C.
· Período ou cultura: Imperio Romano · Lugar de aparición: Hoxne, Suffolk. Inglaterra. · Coordenadas: 52°20′33″N 1°11′15″L · Data do achado: 16 de novembro de 1992. · Descubridores: Peter Whatling e Eric Lawes. · Composición: 14.865 moedas e outros 200 ítems. · Materiais: ouro, prata, bronce, ferro e orgánicos. · Conservación: Museo Británico.[1] |
O seu descubridor foi Eric Lawes, coa axuda dun detector de metais, e o achado tivo lugar na vila de Hoxne, en Suffolk, Inglaterra, en 1992. O tesouro está composto por 14.865 moedas romanas de ouro, prata e bronce, así como arredor doutros 200 obxectos de prata de enxoval e xoias de ouro.[3]
Todos estes obxectos están conservados no Museo Británico, en Londres, onde se expoñen con carácter permanente os espécimes máis sobranceiros e unha selección do resto. En 1993, un comité de valoración especialmente constituído para este tesouro valorouno en arredor de 1,75 millóns de libras esterlinas.[4]
O tesouro estaba agochado nun cofre de carballo, cos obxectos dispostos por tipos, algúns deles en caixas máis pequenas e outros en bolsas téxtiles ou envoltos en tecidos. Na escavación recuperáronse restos do cofre e dos accesorios, como gonzos e pechaduras. As moedas que o compoñen datan de despois do ano 407 d. C., o que coincide co final da Britania como provincia romana.[5]
Descoñécese quen era o seu posuidor e os motivos do seu soterramento, mais estaba coidadosamente empaquetado e o seu contido semella acorde co que podería posuír unha soa familia de gran riqueza. É probable que o tesouro soamente represente unha parte da fortuna do seu propietario, dada a ausencia de grandes recipientes de prata para servir e dalgúns tipos de xoias moi comúns na época.
O tesouro de Hoxne contén varios obxectos particularmente salientables e escasos, como unha cadea de ouro e pementeiras de prata dourada, incluída a coñecida como "pementeira da emperatriz". O achado tamén é relevante desde o punto de vista arqueolóxico, xa que foi escavado por arqueólogos profesionais, que atoparon os obxectos practicamente intactos. Esta descuberta contribuíu a mellorar a relación entre os arqueólogos e os buscadores con detectores de metais, e influíu tamén nun cambio na lexislación inglesa en materia de achados arqueolóxicos.[6]