Sean Connery
actor e produtor de cinema escocés (1930–2020) / From Wikipedia, the free encyclopedia
Sir Thomas Sean Connery, nado en Edimburgo o 25 de agosto de 1930 e finado en Nassau o 31 de outubro de 2020,[1] foi un actor e produtor de cinema escocés. Foi especialmente coñecido como o primeiro actor en interpretar o personaxe de James Bond nos filmes, protagonizando sete títulos da serie (dende 007 contra o doutor No a Só se vive dúas veces, así como Diamantes para a eternidade e 007: Nunca digas endexamais) entre 1962 e 1983.[2][3][4]
Connery apareceu en pequenas producións de teatro e televisión antes dos seus filmes como Bond, cuxo éxito o convertería nun actor de sona internacional. Outros filmes nos que apareceu inclúen Marnie (1964), Asasinato no Orient Express (1974), O home que puido reinar (1975), A Bridge Too Far (1977), Highlander (1986), O nome da rosa (1986), Os intocables de Eliot Ness (1988), Indiana Jones e a última cruzada (1989), The Hunt for Red October (1990), Dragonheart (1996), The Rock (1996) e Finding Forrester (2000). Connery retirouse da actuación no ano 2006. Entre os seus galardóns cóntanse un Óscar ó mellor actor secundario, dous premios BAFTA e tres Globos de Ouro (entre eles un premio Cecil B. DeMille e un premio Henrietta). Nos Estados Unidos, recibiu o premio á traxectoria Kennedy Center Honor en 1999. Connery foi nomeado cabaleiro no 2000 polos seus servizos ao cinema dramático.[5]
Connery foi considerado por unha enquisa de 2004 de The Sunday Herald como "O máis grande escocés vivo",[6] e en 2011, unha enquisa de Euromillóns considerouno o "O maior tesouro nacional vivo de Escocia".[7] Foi escollido pola revista People como o "home vivo máis sexy" en 1989 e o "home máis sexy do século" en 1999.[8]