Satoru Iwata
programador de videoxogos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Satoru Iwata (岩田 聡, Iwata Satoru?), nado en Sapporo o 6 de decembro de 1959 e finado en Quioto o 11 de xullo de 2015, foi un programador de videoxogos e o cuarto presidente e director executivo de Nintendo, así como director executivo de Nintendo en América.
Satoru Iwata no 2011 | |
Nome orixinal | (ja) 悟 岩田 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 6 de decembro de 1959 Sapporo, Xapón |
Morte | 11 de xullo de 2015 (55 anos) Quioto, Xapón |
Causa da morte | colangiocarcinoma (pt) |
Presidente Nintendo | |
2002 – 2015 ← Hiroshi Yamauchi – Tatsumi Kimishima → | |
Presidente HAL Laboratory (pt) | |
1993 – 2000 | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Xapón |
Educación | Tokyo Institute of Technology (pt) Instituto Sur de Sapporo |
Actividade | |
Ocupación | Presidente e director executivo de Nintendo Co., Ltd. |
Empregador | Nintendo HAL Laboratory (pt) |
Lingua | Lingua xaponesa e lingua inglesa |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Kayoko Iwata[1] |
Pai | Hiroshi Iwata (en) |
Este artigo amosa escritos xaponeses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Iwata amosou interese nos videoxogos xa de mozo e creou o seu primeiro videoxogo sinxelo mentres estaba no instituto, e posteriormente graduouse en ciencias da computación no Instituto Tecnolóxico de Toquio. En 1980 comezou a traballar na desenvolvedora HAL Laboratory estando aínda na universidade. Nos seus primeiros anos nesta empresa traballou como programador en proxectos de colaboración con Nintendo, producindo o seu primeiro videoxogo comercial no ano 1983. Participou no desenvolvemento de videoxogos como EarthBound e a serie de videoxogos Kirby. Converteuse no presidente de HAL Laboratory en 1993, axudando a que a compañía acadase a estabilidade financeira tras un período de perdas. Nos anos seguintes axudou no desenvolvemento da serie de videoxogos Pokémon e Super Smash Bros., uníndose oficialmente a Nintendo no ano 2000 como xefe da división de estratexia corporativa.
Nintendo acadou un crecemento notable coa axuda de Iwata, quen sucedeu a Hiroshi Yamauchi como presidente da compañía en maio de 2002. Baixo a súa dirección Nintendo desenvolveu as videoconsolas Nintendo DS e Wii, que supuxeron un éxito económico dentro da industria. Nintendo obtivo grandes beneficios no ano 2009, o que fixo que o xornal Barron's considerase a Iwata entre os 30 directores executivos de máis éxito do mundo. Os produtos posteriores como a Nintendo 3DS e a Wii U non obtiveron tantos beneficios coma a Wii, provocando unha caída de vendas netas de dous terzos entre o 2009 e o 2012, sendo a primeira vez en 30 anos que a empresa tivo que operar en perdas. Iwata baixouse o soldo voluntariamente á metade en 2011 e 2014 para desculparse por estas perdas. Durante a súa carreira en Nintendo Iwata mantivo un contacto próximo cos admiradores de Nintendo a través das redes sociais, entrevistas e eventos, tornándose na faciana pública da empresa.
En xuño de 2014 detectóuselle un tumor no conduto biliar nun exame médico rutineiro, operándose do mesmo e retornando ao traballo en outubro dese mesmo ano. O tumor reapareceu no ano 2015 e Iwata faleceu o 11 de xullo debido as complicacións causadas por esta doenza. Moitos membros da industria dos videoxogos e afeccionados expresaron a súa tristeza pola morte de Iwata a través de comunicados públicos e das redes sociais. Iwata foi premiado a título póstumo co premio "Lifetime Achievement Award" na cerimonia de 2015 dos Golden Joystick Awards.