Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Ruta do Mar de Arousa e Ulla ou Ruta Marítima Xacobea conmemora a chegada por mar do corpo do apóstolo Santiago a Galicia, logo do seu martirio en Xerusalén; ordenou Herodes Agripa I a súa decapitación no ano 44.
A antiga lenda xacobea, recollida nos textos medievais, relata que tralo martirio algúns discípulos de Santiago recolleron o seu corpo decapitado e trasladárono a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica ata Iria Flavia. A travesía fixérona na célebre "barca de pedra"; a tradición conta que foi no Pedrón, unha ara romana dedicada a Neptuno, onde se amarrou a barca do Apóstolo logo da longa viaxe.
Os dous discípulos que acompañaron o corpo de Santiago ata Galicia, Teodoro e Atanasio, tiveron que andar espelidos para se enfrontar á obstinación da raíña Lupa e a furia dos lexionarios romanos acantoados na cidade de Dugium (preto de Fisterra). No carro de bois que portaba o corpo do Apóstolo, vencidos os perigos, seguiron o seu camiño ata soterraren os seus restos no monte Libredón (Santiago de Compostela).
A conmemoración anual da Translatio Xacobea a través da ría de Arousa, promovida pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, celébrase a finais de xullo ou principios de agosto[1]. Non se lle outorga ó peregrino a Compostela trala realización do percorrido, no canto obtense o Diploma Traslatio Xacobea[2][3].