Reencarnación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A reencarnación[1] é a crenza filosófica ou relixiosa de que a esencia non física dun ser vivente comeza unha nova vida nunha forma física ou corpo diferente após a morte biolóxica.
Esta crenza aglutina de maneira popular diversos termos:[2][3]
- metempsicose, que vén do termo grego meta (despois, sucesivo) e psyche (espírito, alma).
- transmigración (migrar a través).
- reencarnación (volver a encarnar).
- renacemento (volver a nacer).
Todos estes termos aluden á existencia dun alma ou espírito que viaxa ou aparece por distintos corpos, xeralmente coa fin de aprender en diversas vidas as leccións que proporciona a existencia en universos paralelos no que se elixiu reencarnar, ata alcanzar unha ascensión do estado de consciencia, mediante as experiencias vividas, que lle permitirán continuar evolucionando como parte dun espírito macro.
O mesmo fenómeno pero sen a crenza nun alma ou espírito recibe os nomes de:
- metensomatose: vén de meta (despois, sucesivo) e soma (corpo).
- palinxénese: procede de palin (de novo) e xenese (nacer/principio).
A reencarnación é tema central nas relixións indias, principalmente no xainismo, no budismo, no sikhismo e no hinduísmo, malia que hai grupos hindús que non cren na reencarnación mais si cren na outra vida.[3][4][5][6] É unha crenza esotérica en moitas correntes do xudaísmo ortodoxo e tamén está presente (en formas diferentes) nas crenzas dos indíxenas de América do Norte[7] e nalgúns grupos aborixes australianos (aínda que a maioría cre na outra vida ou no mundo dos espíritos).[8] A crenza no renacemento/metempsicose foi recollida por figuras históricas gregas como Pitágoras, Sócrates e Platón.[9] Tamén é unha crenza común en varias relixións modernas. Malia que a maioría das denominacións dentro do cristianismo e do islam non cren que os indiviudos se reencarnen, existen grupos particulares dentro desas relixións que si se refiren á reencarnación; estes grupos inclúen os principais seguidores históricos e contemporáneos do catarismo, o alauísmo, o drusismo,[10] e o rosacrucianismo.[11] As relacións históricas entre estes grupos e as crenzas sobre a reencarnación foron características do neoplatonismo, o orfismo, o hermetismo, o maniqueísmo e o gnosticismo da era romana, así como nas relixións indias que foron obxecto de investigacións académicas recentes.[12] Nas últimas décadas, moitos europeos e norteamericanos desenvolveron un interese na reencarnación,[13] e moitas obras contemporáneas menciónana.