Raúl Castro
From Wikipedia, the free encyclopedia
Raúl Modesto Castro Ruz, nado en Birán (Holguín) o 3 de xuño de 1931, é un militar e político cubano, irmán máis novo e colaborador de Fidel Castro. Foi presidente do Consello de Estado de Cuba e presidente do Consello de Ministros, polo tanto, presidente de Cuba dende o 24 de febreiro de 2008 até o 18 de abril de 2018, aínda que desempeñaba o cargo de maneira interina desde o 31 de xullo de 2006. Dende abril de 2011 ata abril de 2021 foi o primeiro secretario do Partido Comunista de Cuba, substituíndo tamén o seu irmán Fidel no cargo.[1]
Raúl é, xunto ao seu falecido irmán Fidel, un dos líderes da Revolución cubana. Integrou o conxunto de homes e mulleres que participou no asalto ao Cuartel Moncada en xullo de 1953. Integrante na expedición do iate Granma, foi un dos líderes do Exército Rebelde, que comandado por Fidel Castro, combateu a ditadura de Fulgencio Batista entre 1956 e 1959. Tras o triunfo da Revolución dedicouse a dirixir as Forzas Armadas Cubanas como ministro dende 1959 ata febreiro de 2008. Ten o grao militar de xeneral do exército, e posúe, dende 1998, o título honorífico de heroe da República de Cuba.