Radiación adaptativa
proceso no cal os organismos se diversifican rapidamente a partir dunha especie ancestral / From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía evolutiva, unha radiación adaptativa é un proceso no cal os organismos se diversifican rapidamente a partir dunha especie ancestral fundadora nunha multitude de novas formas, especialmente cando o cambio no ambiente fai que queden dispoñibles novos recursos, creando novos retos, ou abrindo novos nichos.[1][2] Este proceso empeza cun só antepasado común e dá lugar a unha especiación e unha adaptación fenotípica nun conxunto de especies que mostran trazos morfolóxicos e fisiolóxicos diferentes cos cales poden explotar un abano de ambientes diverxentes.[2]
A radiación adaptativa é un exemplo característrico de cladoxénese, e pode ser ilustrada graficamente como un "arbusto", ou clado, de especies que coexisten (na árbore da vida). [3] Os lagartos anolinos do Caribe son un exemplo particularmente interesante dunha radiación adaptativa.[4] As illas Hawai son un arquipélago moi illado e nel se encontran moitos exemplos de radiación adaptativa. Un exemplo excepcional de radiación adaptativa é o das especies de aves da subfamilia dos carduelinos hawaianos. Por medio da selección natural, estes paxaros adaptáronse rapidamente e converxeron segundo fosen os diferentes ambientes das illas hawaianas nos que vivían.[5]
Realizáronse moitas investigacións sobre a radiación adaptativa debido aos seus drásticos efectos na diversidade da poboación. Porén, cómpre facer máis investigación, especialmente para comprender completamente os moitos factores que afectan á radiación adaptativa. Os enfoques empíricos e teóricos son ambos útiles e deben usarse conxuntamente, aínda que cada un ten as súas desvantaxes.[6]