Pteropus
xénero de mamíferos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Pteropus é un xénero de megaquirópteros que comprende algúns dos morcegos máis grandes do mundo. Na literatura internacional dánselles nomes equivalentes a raposas/os voadoras/es ou morcegos da froita, que se usan tamén para outros megaquirópteros. Viven no sur de Asia, sueste asiático, Australia, África oriental e algunhas illas oceánicas dos océanos Índico e Pacífico.[3] Existen polo menos 60 especies vivas neste xénero.[4]
Pteropus Rango fósil: Holoceno[1] | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
A raposa voadora Pteropus vampyrus | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||||
Vespertilio vampyrus niger[2] Kerr, 1792 | |||||||||||||||
Distribución mundial das raposas voadoras |
Comen froita e outras materias vexetais e ocasionalmente insectos. Localizan estes recursos polo seu sentido do olfacto. A maioría son nocturnos, pero non todos. Navegan utilizando a súa aguda vista, xa que carecen de ecolocalización. Presentan unha duración da vida longa e un baixo rendemento reprodutivo, e as femias da maioría das especies producen unha soa cría ao ano. O seu lento ciclo vital fai que as súas poboacións sexan vulnerables a ameazas como a sobrecaza, matanzas para reducir a poboación e desastres naturais. En tempos modernos extinguíronse seis especies de raposas voadoras por sobrecaza. A miúdo perséguenos polo seu papel real ou percibido no dano ás colleitas agrícolas. Son ecoloxicamente beneficiosos porque axudan a rexenerar os bosques ao dispersar as sementes de moitas plantas. Benefician aos ecosistemas e aos intereses humanos ao polinizaren as plantas.
Igual que outros morcegos, teñen importancia para os humanos como fontes de enfermidades, xa que son os reservorios de axentes de enfermidades raras pero mortais, como o lyssavirus do morcego australiano, que causa a rabia, e o virus Hendra; rexistráronse sete mortes humanas como resultado destas enfermidades. Ao virus Nipah, que tamén transmiten e afecta a moita xente, atribuíronselle unhas 100 mortes. Teñen unha importancia cultural para os pobos indíxenas na súa arte tradicional, folclore e armas. O seu pelo e dentes foron utilizados como moeda no pasado. Algunhas culturas aínda usan os seus dentes como moeda hoxe.