Premio Sakharov
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Premio Sakharov para a Liberdade de Pensamento, máis coñecido sinxelamente como Premio Sakharov, honra a persoas ou organizacións que dedicaron as súas vidas ou accións á defensa dos dereitos humanos e a liberdade de pensamento.[1] Nomeado en homenaxe do científico e disidente soviético Andrei Sakharov, foi estabelecido en 1988 polo Parlamento Europeo.[1] Cada ano, a Comisión de Asuntos Exteriores e a Comisión de Desenvolvemento do Parlamento Europeo elaboran unha lista de candidatos. Os eurodeputados que conforman esas comisións elaboran unha lista de preseleccionados en setembro.[2] Despois diso, a elección final outórgaselle á Conferencia de Presidentes do Parlamento Europeo (Presidente e líderes dos grupos políticos) e o nome do galardoado anúnciase a finais de outubro. O premio é entregado nunha cerimonia no hemiciclo do Parlamento de Estrasburgo en decembro.[3][4] O galardón inclúe un premio en metálico de 50 000 euros.[3]
O primeiro premio foi entregado de forma conxunta ó surafricano Nelson Mandela e ó ruso Anatoly Marchenko. O galardón de 1990 foille concedido a Aung San Suu Kyi, mais non puido recollelo até o ano 2013 por mor do seu encarceramento político en Myanmar.[5] O premio tamén lle foi entregado a organizacións, sendo a primeira as Nais de Praza de Maio arxentinas no ano 1992. Cinco dos galardoados co Sakharov foron posteriormente premiados co Premio Nobel da Paz: Nelson Mandela, Aung San Suu Kyi, Malala Yousafzai, Denis Mukwege e Nadia Murad.[6]
Razan Zaitouneh (2011) foi secuestrada en 2013 e aínda segue desaparecida.[7] Nasrin Sotoudeh (2012) foi liberada da cadea en setembro de 2013,[8] mais aínda ten prohibido abandonar Irán, igual que o seu compañeiro galardoado en 2012 Jafar Panahi.[9] O premio de 2017 foille concedido á Oposición de Venezuela, co boicot de Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica.[10][11]
Por mor das medidas de control sanitario motivadas pola pandemia de COVID-19, numerosos eventos relacionados cos Premios Sakharov foron pospostos no ano 2020, incluíndo o Sakharov Fellowship, One World in Brussels e o European Youth Event.[12]