Pisanello
pintor e medallista italiano renacentista / From Wikipedia, the free encyclopedia
Pisanello, pseudónimo de Antonio di Puccio Pisano, nado en Pisa ou en Verona ca. 1390 e fina en Nápoles ca. 1455, foi un pintor, debuxante e medallista italiano, considerado un dos maiores expoñentes do estilo gótico internacional no seu país.[1][2][3][4][5][6][7]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1395 (Gregoriano) Pisa |
Morte | 1455 (Gregoriano) (59/60 anos) Roma |
Actividade | |
Campo de traballo | Pintura |
Ocupación | pintor , medallista , iluminador , escultor , debuxante |
Xénero artístico | Retrato |
Movemento | Veronese school (en) e Renacemento |
Alumnos | Taddeo Crivelli (pt) |
Lingua | Lingua italiana |
Obra | |
Obras destacables
| |
Como pintor, coñécese sinaladamente polos seus frescos de grandes dimensións, entre o realismo e o mundo fantástico, con trazos precisos, numerosas figuras e cores brillantes, aínda que moitas destas obras non se conservan hoxe, por diferentes razóns, entre elas o posterior cambio de padróns estéticos entre o Renacemento e o Barroco.[8][9]
Como medallista, foi o primeiro en retomar a tradición das medallas de retrato, coa dedicada a Xoán VIII Paleólogo, en 1438.[10] Esta medalla abriu unha serie da que hoxe se conservan 23, coñecidas como as "medallas de Pisanello", que converteron o seu autor nunha das figuras senlleiras da medallística do seu tempo.[1][2][11]
Como debuxante acadou unha precisa análise do mundo natural, como testemuña a súa amplísima produción neste xénero.[12] Son célebres os seus debuxos de persoas e animais ao natural, entre os mellores da época e só superados a finais do século XV por artistas como Leonardo da Vinci ou Albrecht Dürer.[13]
Foi aclamado por moitos poetas, sobre todo por Guarino Veronese, e polos literatos e humanistas da época, como Porcellio. Traballou para o Dux de Venecia, para o Papa, para as cortes de Verona, Ferrara, Mantua, Milán e Rimini, e nos derradeiros anos para o rei de Nápoles. No entanto, cara á metade do século XV, a súa celebridade minguou notablemente, coa entrada da nova linguaxe estética renacentista. Malia a evidente influencia deste novo estilo na súa obra, a visión estilística de Pisanello non chegou a adoptar unha perspectiva racional da espacialidade.[8]