Pinturas negras
From Wikipedia, the free encyclopedia
Pinturas negras (1819-1823) é o nome que recibe unha serie de catorce obras murais de Francisco de Goya, pintadas coa técnica de óleo al secco (sobre paredes recubertas de xeso). Creounas como decoración dos muros da súa casa, chamada a Quinta del Sordo,[2] que adquirira en febreiro de 1819. Estes murais foron trasladados a lenzo a partir de 1874, e actualmente consérvanse no Museo do Prado de Madrid
A serie, a cuxos óleos Goya non puxo título, díxose que foi inventariada en 1828 cos bens da quinta á morte de Goya polo seu amigo Antonio de Brugada[3] e componse dos seguintes lenzos: Átropos ou As Parcas, Dous vellos ou Un vello e un frade, Dous vellos comendo sopa, Duelo a garrotazos ou La riña, O aquelarre, Homes lendo, Judith e Holofernes, A romaría de Santo Isidro, Dúas mulleres e un home, Peregrinación á fonte de Santo Isidro ou Procesión do Santo Oficio, Can semiafundido ou máis simplemente O can, Saturno devorando un fillo, Unha manola: dona Leocadia Zorrilla e Visión fantástica ou Asmodea.
A casa de Goya, xunto coas pinturas murais, pasou a ser propiedade do seu neto Mariano Goya en 1823, ano no que Goya cedeulla, ao parecer para preservar a propiedade de posibles represalias logo da restauración da monarquía absoluta e a represión de liberais fernandina. Durante 50 anos a existencia das Pinturas negras foi escasamente coñecida (só algúns críticos, como Charles Yriarte, as describiron).[4] A partir de 1874, e nun lento proceso que durou varios anos, foron trasladadas de revoco a lenzo por Salvador Martínez Cubells a instancias do barón Émile d’Erlanger,[5] un banqueiro e coleccionista de arte francés de orixe alemá que se fixera coa propiedade do terreo con intención de preservar as pinturas, ameazadas de desaparición xunto coa casa.[6] Erlanger presentou as pinturas na Exposición Universal de París de 1878, tense dito que con intención de vendelas, sen logralo, aínda que outros testemuños indican que o seu propósito foi dende o primeiro momento o de facer doazón delas ao Museo do Prado, como en efecto fixo en 1881.[7] En realidade, pouco estimadas polo gusto académico dominante naqueles anos, o seu paso pola exposición parisiense apenas suscitou algún comentario e tampouco o houbo tralo seu ingreso no museo, onde unha parte delas non se expuxo ata 1898, cando o fillo do barón presentou unha reclamación.[8]