Pedro II do Brasil
Emperador do Brasil / From Wikipedia, the free encyclopedia
Pedro II do Brasil, nado no pazo de São Cristóvão, Río de Xaneiro, o 2 de decembro de 1825[1] e finado en París o 5 de decembro de 1891, foi o segundo e último emperador do Brasil. Alcumado "o magnánimo",[2] o seu reinado como emperador durou máis de 58 anos.[3] Foi o sétimo fillo do emperador Pedro I do Brasil e a emperatriz María Leopoldina, e polo tanto membro da rama brasileira da casa de Braganza. A abrupta abdicación e marcha cara a Europa do seu pai en 1831 deixou a Pedro II como emperador, legándolle unha infancia e adolescencia desalentadora e solitaria. Obrigado a pasar o tempo estudando en preparación para o seu reinado, só conseguiu ter breves momentos de felicidade e tivo poucas amizades da súa idade. As súas experiencias coas intrigas da corte e coas disputas políticas durante este período afectaron en gran medida o seu carácter posterior, converténdose nun home cun forte sentido do deber e devoción cara ó seu país e a súa xente, mais resentido polo seu papel de monarca.
Herdando un imperio ó bordo da desintegración, Pedro II levou o Brasil de fala portuguesa a ser unha potencia emerxente no ámbito internacional. A nación medrou ata distinguirse dos seus veciños hispánicos grazas á súa estabilidade política, a celosamente protexida liberdade de expresión, o respecto polos dereitos civís, un crecemento económico vibrante e especialmente pola súa forma de goberno: unha monarquía parlamentaria representativa funcional. O Brasil tamén obtivo a vitoria en tres conflitos internacionais (a guerra da Prata, a guerra do Uruguai e a guerra de Paraguai) baixo o seu reinado, e prevaleceu en varias outras disputas internacionais e tensións domésticas. Pedro II promoveu incondicionalmente a abolición da escravitude malia a oposición de poderosos intereses políticos e económicos. Considerado un sabio por propio dereito, o emperador estableceu unha reputación de vigoroso patrocinador da aprendizaxe, da cultura e das ciencias. Conseguiu o respecto e admiración de eruditos como Darwin, Victor Hugo e Nietzsche, e trabou amizade con Wagner, Pasteur e Henry Wadsworth entre outros.
Malia que non existía un desexo de cambio na forma de goberno entre a maioría de brasileiros, o emperador foi derrocado nun repentino golpe de estado apoiado só por unha camarilla de líderes militares que procuraban instaurar unha forma de república liderada por un ditador. Para entón Pedro II estaba esgotado de ser emperador e perdera a esperanza nas perspectivas futuras da monarquía, malia contar cun apoio popular maioritario. Non permitiu que ninguén se opuxese á súa destitución e non apoiou ningún intento de restaurar a monarquía. Pasou os últimos dous anos da súa vida exiliado en Europa, vivindo só e cun baixo nivel económico. Algúns dos seus logros como emperador quedarían posteriormente en nada por mor dun longo período de gobernos débiles, ditaduras e crises económicas e constitucionais no Brasil, e os propios homes que o exiliaran acabaron por consideralo un modelo para a república brasileira. Poucas décadas trala súa morte restaurouse a súa reputación e trasladáronse os seus restos de volta ó Brasil, con celebracións a nivel nacional. A maioría de historiadores presentan a Pedro II dunha forma extremadamente positiva, e varios deles cualificárono como o "máis grande dos brasileiros".