Patrimonio da Humanidade en Alemaña
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade en Alemaña, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. Alemaña Occidental ratificou a convención o 23 de agosto de 1976; e Alemaña do Leste o 12 de decembro de 1988, facendo que os seus sitios históricos sexan elixibles para ser incluídos na lista.
En 2023, en Alemaña había 52 sitios Patrimonio da Humanidade da UNESCO oficiais, incluíndo 49 sitios culturais, 3 sitios naturais.[3] Ademais, hai 7 sitios na lista de tentativas [3] e 17 entradas alemás no Programa Memoria do Mundo. O primeiro sitio de Alemaña que se inscribiu na Lista do Patrimonio Mundial foi a Catedral de Aquisgrán en 1978, que tamén foi un dos primeiros sitios do mundo en engadirse á lista.[4] Alemaña posúe o terceiro maior número de Patrimonio da Humanidade no mundo, despois de Italia con 59 sitios e a China con 57 sitios.
O Val do Elba de Dresde, que foi designado Patrimonio Mundial en Perigo en xullo de 2006, foi finalmente retirado da lista en xuño de 2009, polo que é un dos tres únicos sitios do mundo que foron retirados do rexistro de sitios do Patrimonio Mundial.