Patrimonio da Humanidade en Albania
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade en Albania, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. Albania ratificou a Convención sobre a Protección do Patrimonio Cultural e Natural da Humanidade o 10 de xullo de 1989, convertendo os seus lugares en elixíbeis para a súa inclusión na lista.[3]
No ano 2022, había catro sitios de Albania inscritos na lista e outros catro sitios máis na lista de candidaturas.[4] O primeiro sitio de Albania que se engadiu á lista foi a antiga cidade de Butrint, que foi inscrita na XVI sesión do Comité do Patrimonio da Humanidade da UNESCO en 1992.[5] O centro histórico de Gjirokastër foi inscrito en 2005 como Cidade-Museo de Gjirokastra.[6] En 2008, o centro histórico de Berat foi engadido ao sitio para formar os centros históricos de Berat e Gjirokastër.[7][8] En 2017, as rexións do río Gashi e Rrajcë foron incluídas como parte dos faiais primarios dos Cárpatos e outras rexións de Europa, os cales se distribúen por 17 países máis.[9] En 2019, o sitio patrimonio natural e cultural da rexión de Ohrid, que é Patrimonio da Humanidade en Macedonia do Norte dende 1979, ampliouse para incluír a parte da costa albanesa.[10]