Partenoxénese
From Wikipedia, the free encyclopedia
A partenoxénese é unha forma de reprodución na cal a formación e crecemento dos embrións ten lugar sen fertilización. Nos animais, a partenoxénese é o desenvolvemento dun embrión a partir dunha célula ovo (óvulo) non fertilizado e é un compoñente do proceso máis amplo da apomixe ou apomixia. A segmentación do óvulo sen fecundar pode ser posta en marcha por factores ambientais ou internos químicos ou físicos. A célula ou individuo producido por partenoxénese denomínase partenota.
A palabra partenoxénese vén dos termos da lingua grega παρθένος, parthenos, que significa 'virxe', e γένεσις, genesis, que significa 'nacemento'.[1] O termo non se debería utilizar para describir os modos de reprodución de especies hermafroditas nas que un mesmo individuo ten órganos masculinos e femininos e pode reproducirse por si só por autofecundación (por exemplo, a tenia). A partenoxénese descubriuna Charles Bonnet no século XVIII, que obtivo once xeracións sucesivas de áfidos sen fecundación. O apicultor e estudoso das abellas Jan Dzierzon no século XIX foi o primeiro en descubrir a partenoxénese dos machos das abellas.
A partenoxénese é un fenómeno natural en moitas plantas, algúns animais invertebrados (como algúns nematodos, cladóceros, certos escorpións, áfidos, algunhas abellas, algúns fásmidos e avespas parasitas) e nuns poucos vertebrados (como algúns peixes,[2] anfibios, réptiles[3][4] e máis raramente en aves[5]). Este tipo de reprodución foi tamén inducido artificialmente nunhas poucas especies, como peixes e anfibios.[6]
A descendencia partenoxenética das especies que utilizan o sistema de determinación do sexo XY ou o sistema de determinación X0 ten dous cromosomas X e son femias. Nas especies que usan o sistema de determinación do sexo ZW, teñen ou ben dous cromosomas Z (machos) ou dous cromosomas W (xeralmente femias non viables), ou un cromosoma Z e outro W (femias viables).
A partenoxénese pode implicar procesos meióticos ou mitóticos segundo a modalidade. En ocasións orixínanse por partenoxénese individuos haploides viables (machos das abellas), pero xeralmente os individuos haploides non son viables, polo que en moitas modalidades de partenoxénese hai mecanismos para restaurar o número diploide de cromosomas. Na partenoxénese poden orixinarse, segundo os casos, descendentes que son clons completos das nais ou só medios clons (coa metade ou unha fracción dos cromosomas da nai).
A xinoxénese e a pseudogamia están moi relacionadas con este fenómeno. Nelas o espermatozoide ou o pole desencadean o desenvolvemento dunha célula ovo nun embrión pero sen contribuíren xeneticamente ao embrión. É unha falsa fecundación, xa que o gameto masculino debe de estimular ao feminino para que este se empece a dividir, pero sen cederlle xenes. Polo demais a citoloxía e xenética destes fenómenos son practicamente idénticas á partenoxénese común (na que non é necesaria ningún tipo de intervención do gameto masculino).