Panteísmo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O panteísmo[1] é a crenza de que absolutamente todo e todos compoñen un Deus abranguente, e inmanente,[2] ou que o universo (ou a natureza) e Deus son idénticos.[3] Sendo así, os adeptos desta posición non cren nun deus persoal, antropomórfico ou creador. Aínda que existan diverxencias dentro do panteísmo, as ideas principais din que Deus se atopa en todo o cosmos como unha unidade abranguente e polo tanto é inaceptábel no panteísmo o politeísmo (adoración e crenza en varios deuses), pois as divindades son tidas como aspectos distintos do absoluto.[4]
O panteísmo foi popularizado na cultura occidental tanto como unha teoloxía canto unha filosofía baseada na obra de Baruch de Spinoza,[5] que escribiu o tratado Ética,[6] unha resposta á famosa teoría de Descartes sobre a dualidade do corpo e do espírito.[7] Spinoza declarou que ambos eran a mesma cousa, e este monismo terminou sendo unha calidade fundamental da súa filosofía. El empregaba a palabra "deus" para describir a unidade de calquera substancia. Aínda que o vocábulo "panteísmo" non fose inventado durante o seu tempo de vida, hoxe Espinosa é considerado como un dos máis célebres defensores da crenza.[8] Unha ida panteísta tamén foi asumida polo filósofo e cosmólogo do século XVI Giordano Bruno.[9]