Oncorhynchus clarkii
From Wikipedia, the free encyclopedia
Oncorhynchus clarkii (antes Salmo clarkii) é unha especie de troitas da familia Salmonidae nativa das augas frías de ríos do continente norteamericano costeiros que desembocan no Pacífico, ou discorren polas Montañas Rochosas, e pola Gran Cunca, pertencentes aos Estados Unidos ou Canadá. É unha das troitas do Pacífico do xénero Oncorhynchus, no cal se inclúe tamén a máis abondosa troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss). O. clarkii é moi popular entre os pescadores con cana deportivos. Caracterízase por ter unha distintiva banda de cor vermella na gorxa baixo a mandíbula inferior, polo que parece que ten a garganta cortada, ao que se debe o nome que lle dan na súa área de distribución, cutthroat trout (~troita degolada). O seu nome científico específico, clarkii, déuselle en honor ao explorador William Clark, que codirixiu a Expedición de Lewis e Clark de 1804 que atravesou o daquela mal coñecido noroeste dos Estados Unidos.
Oncorhynchus clarkii | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Oncorhynchus clarkii clarkii, a subespecie tipo costeira | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Oncorhynchus clarkii (Richardson, 1836)[1] | |||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||
Subespecies
| |||||||||||||||
Sinonimia[2] | |||||||||||||||
Nomes científicos anteriores
|
Esta troita xeralmente habita e desova en ríos de pouco fondo de lonxitude pequena a moderada, de augas claras e ben oxixenadas con fondos de grava. Tamén se reproduce en lagos moderadamente profundos claros e fríos. Son nativas de correntes aluviais ou de fluxo estacional (sobre arenitos, lousas e rochas cristalinas) que son normalmente afluentes de ríos da cunca do Pacífico, a Gran Cunca e as Montañas Rochosas. Desova na primavera e pode hibridarse de forma inadvertida e natural coa troita arco da vella, dando lugar a híbridos fértiles. Algunhas poboacións da O. c. clarkii son semi-anádromas, é dicir, migran durante un período ao mar.
Coñécense varias subespecies desta troita, algunhas das cales se consideran ameazadas nas súas áreas de distribución nativas debido á perda de hábitats e á introdución de especies non nativas. Dúas das subespecies, O. c. alvordensis e O. c. macdonaldi, considéranse extinguidas. A especie foi criada artificialmente para restablecer as poboacións nos seus territorios nativos, e para manter poboacións en lagos non nativos para soportar a pesca deportiva. Esta especie ou algunhas das subespecies son símbolos oficiais dalgúns dos estados do oeste dos Estados Unidos.