Neisseria meningitidis
especie de bacterias / From Wikipedia, the free encyclopedia
Neisseria meningitidis, tamén chamada meningococo, é unha especie de bacterias que pode causar a meninxite meningocócica[1] e outras formas de infección como a meningococcemia (unha septicemia que pode ser mortal). Porén, hai outros axentes infecciosos que poden causar tamén meninxite. N. meningitidis é unha causa importante de morbilidade e mortalidade durante a infancia nos países industrializados e foi responsable de epidemias en África e Asia.[2] Coa tinguidura de Gram mostra ser un diplococo gramnegativo e os cultivos da bacteria dan positivo na proba do encima citocromo c oxidase.[3]
Neisseria meningitidis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Fotomicrografía de N. meningitidis | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Neisseria meningitidis' Albrecht & Ghon 1901 |
A bacteria vive como parte da flora normal non patoxénica na nasofarinxe dun 5-15% dos adultos.[4] Causa a única forma de menixite bacteriana que orixina epidemias. O Streptococcus pneumoniae (ou pneumococo) é outra especie bacteriana común causante de meninxite. Os meningococos só infectan a humanos e nunca foron illados de animais porque a bacteria só pode obter ferro de fontes humanas, como as proteínas transferrina e lactoferrina.[5]
O meningococo espállase por medio do intercambio de saliva e outras secrecións respiratorias durante actividades como tusir, bicar ou morderen xoguetes os nenos. Infecta a célula hóspede ao adherirse a ela utilizando adhesinas autotransportadoras triméricas (TAA). Aínda que produce inicialmente síntomas xerais como fatiga, pode rapidamente progresar desde a febre, dor de cabeza e rixidez de pescozo ao coma e morte. Os síntomas da meninxite meningocócica confúndense doadamente cos producidos por outros organismos como Hemophilus influenzae e Streptococcus pneumoniae.[6] Prodúcese a morte en aproximadamente o 10% dos casos.[5] Os que teñen a súa inmunidade alterada teñen maior risco de contraer infeccións por meningococo (por exemplo, os que teñen síndrome nefrótica ou sufriron esplenectomía); adminístranse vacinas cando foi estirpado ou non funciona o bazo.