Mozi
filósofo e lóxico chinés / From Wikipedia, the free encyclopedia
Mozi (chinés tradicional e simplificado: 墨子; pinyin: Mòzǐ; Wade-Giles: Mo4-tzu3; xaponés: Bokushi; lit. "Mestre Mo"), nome de nacemento Mo Di 墨翟, nado cara o -470 e finado arredor do -391, foi un filósofo e lóxico chinés do período dos Reinos Combatentes, fundador do Moísmo, unha das Cen Escolas de Pensamento.[1] O texto antigo titulado Mozi 墨子 ("Mestre Mo") contén materiais atribuídos a Mozi e os seus discípulos.[1]
Nome orixinal | (zh) 墨子 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 470 a. C. Reino de Lu, Dinastía Zhou |
Morte | 391 a. C. (78/79 anos) |
Datos persoais | |
Residencia | Estado de Song |
País de nacionalidade | Dinastía Zhou |
Actividade | |
Campo de traballo | Ética, filosofía social, filosofía política, lóxica e epistemoloxía |
Ocupación | filósofo , enxeñeiro militar , enxeñeiro |
Período de actividade | (Con vida en: 400 a. C. ) |
Alumnos | Qin Guli e Tian Jiu |
Lingua | Lingua chinesa |
Este artigo amosa escritos chineses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Mozi fundou o moísmo, unha escola en aberta polémica tanto co confucianismo coma co daoísmo.[1] A filosofía de Mozi poñía a énfase no amor universal, a orde social, a vontade do ceo, a colaboración e o mérito. Durante o período dos Reinos Combatentes, os moístas estiveron activos en diversos reinos, mais entraron en declive co ascenso ao poder da dinastía Qin no -221, xa que o emperador Qin Shi Huang favorecía á escola lexista. Durante esta época, moitos dos textos clásicos moístas foron destruídos na chamada queima dos libros e enterramento dos eruditos. O moísmo continuou a perder importancia cando o confucianismo se converteu na doutrina oficial da dinastía Han, chegando a desaparecer case completamente ao remate da dinastía Han do Oeste.[2] Mozi é mencionado no Qianzi wen 千字文 ("Clásico dos mil caracteres"), que o describe a súa tristeza ao contemplar a tinguidura dunha tea de seda branca, simbolizando a súa concepción da austeridade como simplicidade e castidade.
O seu concepto de amor ou ai 愛 foi desenvolvido en aberta oposición á idea confuciana do amor benevolente. Mozi intentou superar o que el consideraba un excesivo apego ás estruturas familiares e aos clans, propio da sociedade chinesa, cunha noción de amor universal ou jian'ai 兼愛. Neste sentido, polemizou cos confucianos, para os que preocuparse de distinta maneira polas persoas segundo o seu grao de parentesco, amor ou amizade era o comportamento natural dos seres humanos. Mozi, pola contra, pensaba que deberiamos preocuparnos de todo o mundo por igual, mais que adoptar diferentes actitudes segundo a persoa. O amor debe ser incondicional, outorgado sen agardar reciprocidade, con independencia da nosa relación cos individuos, pois todos somos iguais a ollos do ceo. Xa que logo, o poder debería asignarse segundo un sistema meritocrático, sen importar o parentesco; teñen que gobernar os que son dignos de facelo, a imitación dos reis sabios da antigüidade. Esta noción de amor sería retomada polo budismo chinés, que empregaría o termo ai 愛 para referirse a un dos desexos fundamentais.