Moedas do bicentenario dos Estados Unidos
From Wikipedia, the free encyclopedia
As moedas do bicentenario dos Estados Unidos constitúen unha serie de tres moedas conmemorativas cos valores faciais dun cuarto de dólar, medio dólar e un dólar, cuñadas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1975 e 1976, para conmemorar os 200 anos da independencia do país.
Dólar do Bicentenario dos EEUU [1] | |
---|---|
A/: Cabeza de Dwight D. Eisenhower cara á esquerda. Marca de ceca (D ou S) e de gravador (FG).
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / 1776 · 1976 |
R/: Campá da Liberdade coa Lúa atrás. Marca de gravador (DRW)
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
|
Medio dólar do Bicentenario dos EEUU [2] | |
---|---|
A/: Cabeza de John Fitzgerald Kennedy cara á esquerda. Marca de ceca (D ou S) e de gravador (GR).
Lendas: / LIBERTY / IN GOD WE TRUST / 1776 · 1976 |
R/: Edificio Independence Hall. Marca de gravador (SGH)
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / 200 YEARS OF FREEDOM / E PLURIBUS UNUM / INDEPENDENCE HALL / HALF DOLLAR |
|
Cuarto de dólar do Bicentenario dos EEUU [3][4] | |
---|---|
A/: Busto de G. Washington cara á esquerda. Marca de ceca (P, D ou S) e de gravador (JF).
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / 1776 ·1976. |
R/: Tamborileiro patriota cara á esquerda; facho rodeado de 13 estrelas á súa esquerda. Marca de gravador (JLA)
Lendas: E · PLURIBUS · UNUM / CUARTER DOLLAR |
|
Independentemente do seu ano de cuñaxe, todas estas moedas amosan a dobre data conmemorativa de 1776 - 1976 nos seus anversos.
Por mor dos abusos ocorridos en épocas anteriores, a US Mint decidiu non emitir moedas de carácter conmemorativo a partir da década de 1950. A partir de 1971, os membros do Congreso presentaron diversos proxectos de lei para autorizar a emisión de moedas en conmemoración do bicentenario dos Estados Unidos, que se celebraría en 1976. A directora da US Mint, Mary Brooks, opúxose inicialmente a estas propostas, aínda que finalmente as apoiou, e o Congreso aprobou unha lei pola que se autorizaba o redeseño das moedas dun cuarto de dólar, de medio dólar e dun dólar, con carácter temporal.
A celebración dun concurso nacional para determinar os deseños deu como resultado as representacións do tamborileiro colonial para a moeda dun cuarto de dólar, o edificio Independence Hall para a de medio dólar e a Campá da Liberdade superposta a unha Lúa para a dun dólar.
Dada a gran cantidade de exemplares cuñados, moitas destas moedas aínda se atopan na circulación. As pezas destinadas á circulación teñen un núcleo de cobre e están revestidas dunha capa de cuproníquel, aínda que o Congreso tamén autorizou a cuñaxe de 45 millóns de pezas con contido de prata para o coleccionismo numismático. A Casa da Moeda dos Estados Unidos vendeu máis da metade destas moedas e posteriormente refundiu as restantes, logo de suspender a súa venda en 1986.