Mergullón de pescozo negro
ave acuática da familia Podicipedidae / From Wikipedia, the free encyclopedia
O mergullón de pescozo negro[2][3] ou mergullón orelleiro[4] (Podiceps nigricollis) é unha ave acuática da familia Podicipedidae. Foi descrito en 1831 por Christian Ludwig Brehm. Actualmente acéptanse tres subespecies, incluíndo a subespecie nominal. A súa plumaxe reprodutora é dunha distintiva cor ocre que se estende por detrás do ollo e sobre as plumas cobertoiras dos oídos. O resto das partes superiores, incluíndo a cabeza, pescozo, e peito, son de cor negra a marrón anegrada. Os flancos son de cor avermellada leonada a castaña e o abdome é branco. Cando leva a plumaxe non reprodutora, esta ave ten unhas partes superiores negras cincentas, incluíndo a parte superior da cabeza e unha banda vertical no dorso e pescozo. Os flancos son tamén negros cincentos. O resto do corpo é dunha cor branca ou abrancazada. Os xoves teñen máis cantidade de cor marrón nas súas áreas máis escuras. A subespecie californicus pode distinguirse da nominal porque a primeira ten o peteiro xeralmente máis longo. A outra subespecie, P. n. gurneyi, pode diferenciarse pola súa cabeza e partes superiores máis cincentas e polo seu menor tamaño. P. n. gurneyi pode tamén distinguirse pola súa falta de plumaxe non reprodutor. O mergullón de pescozo negro está presente en partes de África, Eurasia e as Américas.
Mergullón de pescozo negro Podiceps nigricollis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Exemplar da subspecie nigricollis, adulto en plumaxe reprodutora
| |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Distribución de P. nigricollis Área reprodutora Residente De paso Área non reprodutora |
O mergullón de pescozo negro usa moitas técnicas para buscar o seu alimento. Os insectos, que constitúen a maioría da súa dieta, son capturados na superficie da auga ou en voo. Ocasionalmente recólleos na vexetación. Mergúllase para capturar crustáceos, moluscos, cágados e pequenas ras e peixes. Cando muda en lagos salinos, aliméntase principalmente de crustáceos Artemia. Constrúe un niño con forma de copa flotante nun lago de augas abertas. Este niño é cuberto por un disco e pode estar localizado nunha colonia ou nun sitio máis arredado. Durante a estación reprodutora, que varía dependendo da localización, esta especie fai unha posta (ás veces dúas) de tres ou catro ovos. O número de ovos é ás veces maior debido ao parasitismo de crianza ou de posta conespecífico. Despois dun período de incubación de 21 días, os ovos fan eclosión e despois o niño é abandonado. Dez días despois, os proxenitores reparten os fillos entre eles para coidalos por separado. Despois disto, os polos fanse independentes nuns dez días e empluman en tres semanas.
Aínda que xeralmente evita voar, viaxa ata 6 000 km durante a súa migración. Ademais, queda sen a capacidade de voar durante dous meses unha vez que completa a migración que realiza a unha zona na que poida mudar con seguridade. Durante esta muda, pode dobrar o seu peso. As migracións para alcanzar estas zonas son perigosas, e ás veces a vizxe cóbrase a vida de miles de exemplares. Malia todo isto, a especie está clasificada como pouco preocupante pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). Probablemente este sexa o mergullón máis numeroso do mundo. Enfróntase a ameazas potenciais, como as verteduras de petróleo, pero estas probablemente non supoñen un risco importante para a poboación mundial.