Medio dólar do Centenario de Alabama
From Wikipedia, the free encyclopedia
O medio dólar do Centenario de Alabama é unha moeda de prata dese valor facial emitida en 1921 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia, en conmemoración do centenario da admisión de Alabama na Unión en 1819.[2][3]
Medio dólar do centenario de Alabama [1][2] | |
---|---|
A/: Retratos de William Wyatt Bibb e de Thomas E. Kilby. 22 estrelas repartidas a ambos os lados
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / IN GOD WE TRUST / BIBB 1921 KILBY / FALF DOLLAR |
R/: Aguia estilizada, baseada no selo do Estado de Alabama.
Lendas: STATE OF ALABAMA / 1819 CENTENNIAL 1919 |
|
A moeda foi deseñada por Laura Gardin Fraser, a primeira muller á que se lle atribuíu o deseño dunha moeda.
O congresista de Alabama Lilius Bratton Rainey introduciu na Cámara de Representantes o proxecto de lei para a creación dunha moeda conmemorativa por petición da Comisión do Centenario do Estado. O proxecto prevía inicialmente a cuñaxe de moedas dun cuarto de dólar, pero logo modificouse en favor das moedas de medio dólar. O 10 de maio de 1920 aprobouse a lei para a emisión da moeda, que foi asinada polo presidente Woodrow Wilson.
O medio dólar do Centenario de Alabama non se emitiu ata outubro de 1921, aparentemente porque a decisión inicial de representar no anverso o presidente Wilson podería inverterse en función dos resultados das eleccións presidenciais de 1920. Logo da vitoria na presidencia do republicano Warren G. Harding, os patrocinadores da emisión optaron por representar na moeda a William Bibb, o primeiro gobernador do Estado de Alabama, e a Thomas Kilby, o seu gobernador no momento do centenario, convertendo así a Kilby na primeira persoa viva que aparecía nunha moeda dos EEUU.
Para impulsar as vendas, incluíuse no deseño dalgunhas moedas o símbolo "2X2", en alusión a Alabama como o vixésimo segundo estado en se incorporar á unión.