Medio dólar Old Spanish Trail
moeda conmemorativa estadounidense (1935) / From Wikipedia, the free encyclopedia
O medio dólar Old Spanish Trail (en galego: "Vello Camiño Español") é unha moeda de prata conmemorativa emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada en 1935 na Ceca de Filadelfia, que rememora esta antiga ruta polo sur dos EEUU. A moeda foi deseñada polo comerciante numismático L. W. Hoffecker, quen tamén se encargou da súa distribución.[2][3][4]
Medio dólar Old Spanish Trail [1] | |
---|---|
A/: Cabeza dunha vaca vista de fronte.
Lendas: · UNITED · STATES · OF · AMERICA · / E PLURIBUS UNUM / LIBERTY / ALVAR NUÑEZ CABEZA DE VACA / HALF DOLLAR. |
R/: Sección sueste do mapa dos EEUU co Old Spanish Trail marcado. Superposta unha mandioca en flor. Marca de deseñador (L.W.H)
Lendas: OLD · SPANISH · TRAIL / EL PASO / IN GOD WE TRUST / 1535▾1935 |
|
En 1930, o presidente Herbert Hoover vetou o proxecto dunha moeda de medio dólar dedicada á Compra de Gadsden. Hoffecker fora o impulsor daquela iniciativa e, ante a negativa, procurou outra proposta de moeda conmemorativa cuxa comercialización puidese controlar, e elixiu as viaxes do conquistador español Álvar Núñez Cabeza de Vaca a principios do século XVI, das que se celebraba o seu cuarto centenario.
Hoffecker cometeu imprecisións tanto coa cronoloxía das viaxes de Cabeza de Vaca como coa súa localización; por exemplo, aínda que a cidade natal de Hoffecker, El Paso, Texas, aparece sinalada na moeda, Cabeza de Vaca non se achegou a ela. Malia isto, o Congreso aprobou sen oposición o proxecto de lei da moeda conmemorativa do Vello Camiño Español, e o presidente Franklin D. Roosevelt converteuno en lei coa súa sinatura.
Logo de cuñadas as moedas, Hoffecker comproullas ao Goberno e púxoas á venda para os coleccionistas, aparentemente en nome do museo local, mais en realidade para o seu beneficio persoal, algo que negou máis tarde nun testemuño ante o Congreso. A revista The Numismatist —órgano da American Numismatic Association (ANA)— non publicou críticas sobre a distribución, e Hoffecker chegou á presidencia da ANA en 1939.
O deseño de Hoffecker para a moeda, coa cabeza dunha vaca no anverso, suscitou opinións encontradas entre os comentaristas numismáticos. O feito de que só se cuñase unha tiraxe de 10.000 fixo que esta moeda fose moi apreciada polos coleccionistas das moedas conmemorativas dos Estados Unidos.