Medio dólar Franklin
antiga moeda de prata estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
O medio dólar Franklin é unha moeda de prata co valor facial de medio dólar cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1948 e 1963, que presenta como motivo central do seu anverso o busto do pai fundador Benjamin Franklin e no reverso a Campá da Liberdade, cunha pequena aguia ao seu lado.
Medio dólar Franklin [1] | |
---|---|
A/: Busto de Benjamin Franklin cara á dereita. Marca de gravador (JRS) no truncamento do busto e data.
Lendas: · LIBERTY / IN GOD WE TRUST. |
R/: Campá da Liberdade e unha pequena aguia á súa dereita. Marca de ceca sobre a campá (D ou S).
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / HALF DOLLAR. |
|
A moeda cuñouse cunha aliaxe do 90 % de prata nas cecas de Filadelfia (sen marca de ceca), Denver (D) e San Francisco (S), cunha tiraxe total de máis de 460 millóns de exemplares.
A daquela directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, era unha admiradora da figura histórica de Franklin e quería renderlle tributo nunha moeda. Para tal efecto, en 1947 encargoulle ao gravador xefe da casa da moeda, John R. Sinnock, que preparase os cuños para unha moeda de medio dólar na honra de Franklin. Como Sinnock faleceu en maio de 1947, o seu deseño viuse completado polo seu sucesor como gravador xefe, Gilroy Roberts. A casa da moeda presentou os deseños á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos para recadar o seu ditame e, malia non ser este enteiramente positivo, mantivéronse os deseños orixinais de Sinnock e Roberts.
Logo do lanzamento á circulación desta moeda en abril de 1948, a US Mint recibiu a acusación de que as iniciais JRS de Sinnock no truncamento do ombreiro de Franklin supuñan unha homenaxe velada ao ditador soviético Josef Stalin —aínda que este non tiña un segundo nome que comezase por R—. Non se fixo ningún cambio ao respecto e a ceca pública estadounidense respondeu que as letras eran simplemente as iniciais do artista —a mesma acusación xurdira xa coa aparición dos dez centavos co busto de Roosevelt en 1946, igualmente obra de Sinnock—.
A moeda cuñouse con regularidade desde 1948 ata 1963. A partir de 1964 foi substituída polo coñecido como medio dólar Kennedy, emitido na honra do presidente asasinado John F. Kennedy. Aínda que a moeda segue a ter legalmente a consideración de curso legal, tanto o seu valor no mercado do coleccionismo como o propio valor da prata que contén —8,37 dólares en decembro de 2021— exceden amplamente o seu valor nominal.