Mass Effect 2
videoxogo de acción e rol / From Wikipedia, the free encyclopedia
Mass Effect 2 é un videoxogo de rol e acción desenvolvido por BioWare e publicado por Electronic Arts. Foi lanzado para Microsoft Windows e Xbox 360 o 26 de xaneiro de 2010, e para PlayStation 3 o 18 de xaneiro de 2011.[1] É a secuela do orixinal Mass Effect e segunda entrega da serie homónima. O xogo ten lugar na Vía Láctea durante o século XXII, onde a humanidade se atopa ameazada por unha especie con forma de insecto coñecida como Collectors.[2] O xogador toma o papel do Comandante Shepard, un soldado de elite humano que debe xuntar un equipo e gañarse a súa lealdade para derrotar o inimigo nunha misión suicida. Ao importar unha partida gardada do primeiro xogo, o xogador pode influír nos acontecementos da historia deste videoxogo de diversas formas.[3]
Mass Effect 2 | |
---|---|
Desenvolvedor(es) | BioWare |
Distribuidora(s) | Electronic Arts |
Director(es) | Casey Hudson |
Produtor(es) | Jesse Houston Nathan Plewes |
Deseñador(es) | Preston Watamaniuk |
Programador(es) | David Falkner |
Escritor(es) | Mac Walters Drew Karpyshyn |
Artista(s) | Derek Watts |
Compositor(es) | Jack Wall Jimmy Hinson Sam Hulick David Kates |
Motor | Unreal Engine 3 |
Lanzamento | |
Xénero | Acción, rol, shooter en terceira persoa |
Modos de xogo | Un xogador |
Clasificación | PEGI CERO USK |
Plataforma(s) | Microsoft Windows Xbox 360 PlayStation 3 |
Serie | Mass Effect |
Na rede | |
http://masseffect.bioware.com/me2 e https://masseffectarchives.com/en_US/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Para este episodio, BioWare cambiou varios elementos da mecánica de xogo, poñendo énfase no aspecto de shooter en terceira persoa e incluíndo os conceptos de munición limitada e rexeneración de saúde.[4][5] En contraste co enfoque exclusivo na historia principal do Mass Effect orixinal, os desenvolvedores optaron por crear un argumento onde as misións opcionais tivesen a mesma intensidade que a misión principal. O compositor Jack Wall volveu compoñer a banda sonora do xogo, acadando un son máis escuro e maduro para acompañar o ton deste xogo.[6] Mass Effect 2 tamén incluíu varios paquetes de contido descargable publicados dende xaneiro de 2010 ata maio de 2011, que incluíron dende engadidos cosméticos ata novas misións relacionadas coa historia principal. Os máis destacados destes paquetes foron Overlord, Lair of the Shadow Broker e Arrival.[7]
Mass Effect 2 foi un éxito comercial e tivo unha boa recepción por parte dos medios especializados, acadando unha puntuación de 96 sobre 100 no agregador web Metacritic.[8] Os críticos eloxiaron múltiples aspectos do xogo, incluíndo a súa historia interactiva, personaxes e combate. Porén, tamén houbo críticos que expresaron a súa preocupación pola simplificación da mecánica de xogo en comparación co primeiro xogo da serie. O videoxogo recibiu numerosos premios, incluíndo o premio ao Xogo do Ano da 14ª edición anual dos premios da Academy of Interactive Arts & Sciences,[9] e o premio ao Mellor Xogo nos BAFTA de 2011.[10] O episodio seguinte na serie, Mass Effect 3, foi publicado no 2012.[11]