Marie Curie
química e física franco-polonesa / From Wikipedia, the free encyclopedia
Maria Salomea Skłodowska-Curie[upper-alpha 1] (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e finada en Passy (Francia) o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas.[upper-alpha 2] Foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela; un, o seu marido Pierre Curie; un, a súa filla Irène Joliot-Curie; e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie). Así mesmo foi a primeira muller condecorada (xunto co seu home) coa Medalla Davy en 1903 polos seus traballos sobre o radio.[3]
Ela tamén foi a primeira muller en ser profesora na Universidade de París e en 1995 converteuse na primeira muller en ser sepultada por méritos propios no Panteón de París.[4] [upper-alpha 3] En 2015 outras dúas mulleres tamén foron enterradas no camposanto por méritos propios.[6]
Os seus logros inclúen o desenvolvemento da teoría da radioactividade (un termo que ela acuñou[7][8][9]), as técnicas para illar isótopos radioactivos, e o descubrimento de dous elementos, o polonio e o radio. Baixo a súa dirección, leváronse a cabo os primeiros estudos no mundo no tratamento das neoplasias, utilizando isótopos radioactivos. Fundou os Institutos Curie en París e en Varsovia, que seguen sendo os principais centros de investigación médica na actualidade. Durante a primeira guerra mundial, estableceu os primeiros centros radiolóxicos para uso militar.
Xunto co seu marido Pierre Curie e Henri Becquerel, recibiu en 1903 o Premio Nobel de Física e en 1911 o de Química polos seus traballos sobre o Radio. Posiblemente sexa a científica máis coñecida da historia.
Marie Sklodowska Curie (ela sempre firmou cos dous apelidos)[10][11] foi nacionalizada francesa e foi unha cidadá activamente leal ao seu novo país, pero nunca perdeu o seu sentido de identidade polaco: ensinou ás súas fillas a súa lingua materna e levábaas nas súas visitas a Polonia.[12] O primeiro elemento químico que ela descubriu, en 1898, chamouno polonio como homenaxe ao seu país de orixe.[upper-alpha 4][14]