Mamíferos mariños
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os mamíferos mariños son mamíferos acuáticos que dependen dos ecosistemas mariños para a súa existencia. Son os pinnípedes (focas, leóns mariños, morsas), cetáceos (baleas, golfiños, toniñas), sirenios (manatís, dugongos), londras mariñas e osos polares. Non representan un taxon diferenciado ou agrupación sistemática, senón que teñen unha relación polifilética debida a evolución converxente, dado o seu tipo de vida similar, pero non teñen un antepasado común próximo.
A adaptación dos animais mariños a un estilo de vida acuático varía considerablemente entre as especies. Tanto os cetáceos coma os sirenios son completamente acuáticos e nunca visitan a terra firme. As focas e leóns mariños son semiacuáticos, xa que, aínda que pasan a maior parte do seu tempo na auga, tamén necesitan volver a terra para reproducirse, descansar, mudar. Ao contrario dos anteriores, as londras mariñas e os osos polares están moito menos adaptados á vida acuática. As dietas dos mamíferos mariños varían tamén considerablemente; algúns comen zooplancto, outros comen peixes, luras, moluscos, plantas mariñas e uns poucos comen outros mamíferos. Aínda que o número de mamíferos mariños é pequeno comparado cos que hai en terra, a súa función en diversos ecosistemas é importante, especialmente no que concirne ao mantemento dos ecosistemas mariños, por exemplo, ao regularen as poboacións das súas presas. Este papel no mantemento dos ecosistemas fai que cause preocupación que un 23% das especies mariñas estean ameazadas actualmente.
Os mamíferos mariños foron cazados desde hai moito tempo polos pobos aborixes para obter alimento e outros recursos. Moitos foron tamén o obxectivo da industria comercial, o que orixinou un acusado declive en todas as poboacións das especies explotadas, como as baleas e focas. A caza comercial levou á extinción da Hydrodamalis gigas e da Neomonachus tropicalis. Unha vez que cesou a caza comercial, algunhas especies como a balea cincenta e o elefante mariño do norte, volveron a aumentar en número; inversamente, outras especies, como a balea vasca, están en perigo crítico. Ademais de por causa da caza, os mamíferos mariños poden morrer como capturas accidentais (bycatch) en bancos de pesca, ao quedaren enguedellados nas redes de enmalle e afogaren alí ou morreren de fame. O incremento do tráfico marítimo causa con frecuencia colisións entre os buques oceánicos rápidos e os grandes mamíferos mariños. A degradación do hábitat tamén ameaza os mamíferos mariños e a súa capacidade de atopar e capturar alimentos. A contaminación acústica, por exemplo, pode afectar adversamente á ecolocalización que usan os mamíferos, e os crecentes efectos do quecemento global degradan o medio ambiente ártico, onde moitos deles viven.