Literatura galego-portuguesa
From Wikipedia, the free encyclopedia
A literatura galego-portuguesa ou literatura galaico-portuguesa é aquela escrita en galego-portugués en diversas zonas da Península Ibérica entre os séculos XII e XV.[1] Esta inclúe lírica sacra e profana e diferentes tipos de prosa. Ás veces a literatura medieval galego-portuguesa é dividida en época trobadoresca, ou trobadorismo, e época postrobadoresca.[2]
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Entre os séculos XII e XIV floreceu no occidente da Península Ibérica un movemento poético en lingua galego-portuguesa. Esta era a única poesía escrita en lingua romance nos reinos de Galiza (antes e despois da independencia de Portugal), León e Castela.[3] Esta literatura estaba escrita nunha forma altamente elaborada de galego-portugués, independentemente da orixe do autor. Pola contra, a prosa medieval galego-portuguesa, máis ben escasa, consta fundamentalmente de traducións de obras escritas noutras linguas feitas para seren lidas en Galiza. Porén, a partir de finais do século XV, as circunstancias sociolingüísticas derivadas das consecuencias sociopolíticas da época propiciarán a "independencia" da lingua portuguesa con respecto á galega e a división do sistema literario galego-portugués, dando paso aos Séculos Escuros en Galiza e ao nacemento da literatura portuguesa.