Life (revista)
revista americana / From Wikipedia, the free encyclopedia
Life foi unha revista estadounidense publicada semanalmente entre 1883 e 1972, como "especial" intermitente ata 1972 e mensualmente entre 1978 e 2000. Durante a súa idade dourada entre 1936 e 1972, Life foi unha revista de interexes xerais de amplo espectro coñecida pola calidade das súas fotografías.
Life | |
---|---|
País | Estados Unidos de América |
Lingua | lingua inglesa |
Fundación | 1883 |
Circulación | |
ISSN | 0024-3019 |
Na rede | |
http://www.life.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Life foi publicada independentemente os seus primeiros 53 anos ata 1936 como revista de interese xeral e entretemento lixeiro, centrada nas ilustracións, as grazas e os comentarios sociais. Incluíu algúns dos mellores escritores, ilustradores e caricaturistas da súa época: Charles Dana Gibson, Norman Rockwell e Jacob Hartman Jr. Gibson converteuse no editor e propietario da revista despois de que John Ames Mitchell falecese en 1918. Durante os seus últimos anos, a revista ofreceu breves críticas de obras teatrais e filmes que se emitían en Nova York de xeito similar ao que facía The New Yorker, mais co toque innovador dunha viñeta tipográfica semellante a un semáforo en cada crítica: verde para as positivas, vermello para as negativas e ámbar para as medias.
En 1936, o editor de Time Henry Luce comprou Life, da que só quería o título: refixo enormemente a publicación, converténdoa na primeira revista estadounidense de novas completamente fotográfica, e dominou o mercado durante varias décadas. A revista chegou a vender máis de 13,5 millóns de exemplares á semana. Posiblemente a fotografía máis célebre publicada na revista foi a fotografía dunha enfermeira en brazos dun mariño tomada por Alfred Eisenstaedt o 14 de agosto de 1945 mentres celebraban a vitoria sobre o Xapón en Nova York. O papel da revista na historia do fotoxornalismo está considerado a súa contribución máis importante. O perfil de Life era tal que as memorias do presidente Harry S. Truman, de Sir Winston Churchill e do xeneral Douglas MacArthur foron serializadas nas súas páxinas.
A partir de 2000, Time Inc. continuou a empregar a marca Life para números especiais e conmemorativos. Life volveu con números regulares ao converterse nun suplemento semanal dos xornais entre 2004 e 2007.[1] A páxina web life.com, orixinalmente unha das canles do servizo Pathfinder de Time Inc. foi administrada a finais da década de 2000 xunto con Getty Images baixo o nome See Your World, LLC.[2] O 30 de xaneiro de 2012, a url de LIFE.com pasou a ser un canal de fotografías en Time.com.[1][3]