James Watt
enxeñeiro británico / From Wikipedia, the free encyclopedia
James Watt, nado o 19 de xaneiro de 1736 en Greenock e finado o 25 de agosto de 1819 en Birmingham (Inglaterra), foi un matemático e enxeñeiro escocés. As melloras que realizou na máquina de Newcomen deron lugar á coñecida como máquina de vapor de auga, que resultaría fundamental no desenvolvemento da primeira Revolución Industrial, tanto en Inglaterra como no resto do mundo.
Mentres traballaba fabricando instrumentos na Universidade de Glasgow, Watt interesouse na tecnoloxía das máquinas de vapor e decatouse de que os deseños coetáneos desperdiciaban unha gran cantidade de enerxía arrefriando e quentando repetidamente o cilindro. Watt introduciu unha mellora no deseño, o condensador separado, que evitaba a perda de enerxía e mellorou radicalmente a potencia, eficiencia e rendibilidade das máquinas de vapor. Finalmente adaptou este motor para producir un movemento rotatorio, o que ampliou enormemente o seu uso máis aló do simple bombeo de auga.
Watt intentou comercializar o seu invento, pero atopou moitas dificultades financeiras ata que se asociou con Matthew Boulton en 1775. A nova firma Boulton & Watt chegou a ter grande éxito e ambos enriquecéronse. Unha vez xubilado, Watt continuou inventando, pero ningunha das súas últimas creacións foi tan destacada como a mellora da máquina de vapor. Watt tamén desenvolveu o concepto de cabalo de vapor,[1] mentres que a unidade de potencia do Sistema Internacional de Unidades, o vatio (W) foi nomeada no seu honor.
Malia ter nacido en Escocia, viviu e traballou en Birmingham, Inglaterra. Foi un membro chave da Lunar Society ("Sociedade Lunar"). Moitos dos seus escritos consérvanse na biblioteca Birmingham Central.