Invasión
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha invasión[1][2] é unha acción militar que consiste na entrada das forzas armadas dunha entidade xeopolítica no territorio controlado por outra entidade semellante, normalmente co obxectivo de conquistar o territorio ou cambiar o goberno estabelecido. Unha invasión pode ser a causa dunha guerra, pode usarse como parte dunha estratexia maior para terminar unha guerra ou pode constituír unha guerra completa en si mesma.
O termo adoita connotar un esforzo estratéxico de considerable magnitude. Xa que os obxectivos dunha invasión adoitan ser a grande escala e a longo prazo, necesítanse moitas forzas para manter un territorio e protexer os intereses da entidade invasora. En xeral, as infiltracións tácticas máis pequenas non se consideran invasións e normalmente clasifícanse como escaramuzas, saídas, asasinatos selectivos ou recoñecementos ofensivos. Por definición, unha invasión é un ataque levado a cabo por forzas externas. Por tanto, as rebelións, guerras civís, golpes de estado, democidios ou outros actos de opresión non se consideran invasións.