Invasións bárbaras
From Wikipedia, the free encyclopedia
As invasións bárbaras, período das grandes migracións ou migracións xermánicas é un período situado entre os século III e VII que afectou extensas rexións da zona temperada de Eurasia e acabou provocando a caída ou desestabilización de grandes imperios consolidados como o Romano, o Sasánida, o Gupta ou o Han.
Nun sentido máis restrinxido, as denominacións "invasións bárbaras" ou "migracións xermánicas" son distintas denominacións historiográficas para o período histórico caracterizado polas migracións masivas de pobos denominados bárbaros ("estranxeiros", que non falaban unha lingua "civilizada" como o latín ou o grego) cara ao Imperio romano, que chegaron a invadir grandes extensións deste, ocupándoas violentamente ou chegando a acordos políticos, e que foron a causa directa da caída do imperio romano de occidente (a deposición do último emperador de Occidente produciuse en 476, aínda que o seu poder xa non era máis ca unha ficción xurídica).
Tiveron lugar ao longo dun ciclo histórico de longa duración, entre os século III e VII, e afectaron case a totalidade de Europa e a conca do Mediterráneo, marcando a transición entre a idade antiga e a idade media que se coñece como antigüidade tardía. Estas migracións foron as máis importantes, mais existiron outras invasións que tiveron o seu momento de maior relevancia arredor do século IX e que xeraron un período de grande inestabilidade e inseguridade na cristiandade latina.