Imposto
tributo que non require unha contraprestación directa ou determinada por parte da administración / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un imposto é unha clase de tributo (obrigas xeralmente pecuniarias en favor do acredor tributario: goberno central, autonómico ou local) rexido por dereito público, pagado por persoas ou organizacións.
Caracterízase por non requirir unha contraprestación directa ou determinada por parte da administración da facenda (acredor tributario).
Os impostos na maioría das lexislacións xorden exclusivamente pola "potestade tributaria do Estado", principalmente co obxecto de financiar os seus gastos. O seu principio reitor, denominado "capacidade contributiva", suxire que quen máis ten debe achegar en maior medida ao financiamento estatal, para consagrar o principio constitucional de equidade e o principio social de solidariedade.
Os impostos son cargas obrigatorias que as persoas e empresas teñen que pagar para financiar o estado.
Noutras palabras: sen os impostos o estado non podería funcionar, xa que non disporía de fondos para financiar a construción de infraestruturas (estradas, portos, aeroportos, eléctricas), prestar os servizos públicos de sanidade, educación, defensa, sistemas de protección social (desemprego, prestacións por invalidez ou accidentes laborais) etc.
En ocasións, na base do establecemento do imposto encóntranse outras causas, como disuadir a compra de determinado produto (por exemplo, tabaco) ou fomentar ou desalentar determinadas actividades económicas. Desta maneira, pódese definir a figura tributaria como unha exacción pecuniaria forzosa para os que están no feito impoñíbel. A regulamentación dos impostos denomínase sistema fiscal ou fiscalidade.