Historia de Ucraína
conxunto de acontecementos ocorridos en Ucraína / From Wikipedia, the free encyclopedia
A historia de Ucraína iniciouse no Neolítico. A finais da Idade Antiga o territorio foi invadido polos godos, pero estes terminaron baixo o dominio dos hunos. No século VII a parte leste de Ucraína formou parte do territorio da Antiga Gran Bulgaria pero, a finais deste século, a maioría das tribos búlgaras emigraron e a terra caeu en mans dos kházaros.
Durante as Idades Media e Moderna os territorios que hoxe integran Ucraína foron obxecto de disputas entre Polonia, Rusia e o Imperio bizantino e, máis tarde, tamén dos Imperios austríaco e otomán.
Gran parte do territorio actual de Ucraína, especialmente a provincia de Galicia, pertenceu até o inicio do século XX ao Imperio Austro-Húngaro. No século XX, Ucraína formou parte da URSS como a República Socialista Soviética de Ucraína.
A finais dos anos de 1980, a crise do Estado soviético intensificou o sentimento nacional da maioría eslava, que se mobilizou en busca dunha maior autonomía. En 1986 estoupou o reactor nuclear de Chernóbil, o que provocou o maior desastre radioactivo na historia de Europa e graves danos na poboación. Tras o fracasado golpe de Estado contra Mikhail Gorbachev (agosto de 1991), o presidente do Parlamento ucraíno Leonid Kravchuk proclamou a Independencia de Ucraína, que foi ratificada en referendo o 2 de decembro de 1991 co 90% de votos favorábeis.
Na primeira metade da década de 2010 sucederon varios feitos que acabaron por producir unha grande inestabilidade política no país, que se agravaron nos primeiros meses de 2014 nos que, rapidamente, unha fervenza de graves acontecementos pon en perigo incluso a permanencia de Ucraína como Estado unitario.