Historia de Suecia
conxunto de acontecementos ocorridos en Suecia / From Wikipedia, the free encyclopedia
A historia de Suecia comeza cando a capa de xeo do norte comezou a retroceder. As primeiras pegadas de visitas humanas son de ao redor do ano 12000 a. C.
As fontes escritas sobre Suecia antes do 1000 d. C. son escasas e curtas, normalmente escritas por persoas alleas, e ata o século XIV non se producen textos históricos longos en Suecia. Así, o inicio da historia sueca, en contraste coa prehistoria, adoita a tomarse a partir do século XI, cando as fontes xa son o suficientemente comúns para que sexa posible contrastalas entre elas.
O estado sueco moderno formouse durante un longo período de unificación e consolidación. Os historiadores estableceron distintos estándares para cando pode considerarse completo (resultando en datas dende o século VI ata o XVI), pero un país unificado, co poder concentrado nunha dinastía monárquica e algunhas leis comúns estivo presente dende finais do século XIII. Nese momento Suecia estaba formado na maior parte do que hoxe é a parte sur do país (exceptuando Escania, Blekinge, Halland e Bohuslän), ademais de partes da actual Finlandia. Durante os séculos seguintes a influencia sueca expandiríase cara ao norte e o leste, incluso se as fronteiras non estaban ben definidas ou non existían.
A finais do século XIV Suecia entrelazárase cada vez máis con Dinamarca e Noruega, uníndose finalmente na Unión de Kalmar. Durante o século seguinte unha serie de rebelións serviron para diminuír os lazos de Suecia coa unión, o que ás veces levou á elección dun rei sueco separado. O enfrontamento chegou ao seu clímax tras o baño de sangue de Estocolmo en 1520, unha execución en masa de nobres e burgueses orquestrada por Cristián II de Dinamarca. Un dos poucos membros das familias nobres máis poderosas non presente, Gustav Vasa, foi capaz de organizar unha nova rebelión e finalmente foi coroado rei en 1523. O seu reinado resultou duradeiro e marcou o final da participación de Suecia na unión.
Gustav Vasa alentou ademais as predicadores protestantes, rompendo finalmente co papado e establecendo a igrexa luterana en Suecia, aproveitando as propiedades e riqueza da igrexa católica.
Durante o século XVII, tras gañar guerras contra Dinamarca-Noruega, Rusia e a Comunidade Polaco-Lituana, Suecia emerxeu como unha gran potencia tomando o control directo da rexión báltica. O papel de Suecia na guerra dos Trinta Anos determinou o equilibrio do poder político e relixioso en Europa. O estado sueco expandiuse enormemente, cara os modernos estados bálticos, cara ao norte de Alemaña, e cara varias rexións que, a día de hoxe, son parte de Suecia.
Antes do final do século XVII formouse unha alianza secreta entre Dinamarca-Noruega, a Comunidade Polaco-Lituana, e Rusia contra Suecia. Esta coalición actuou ao principio do século XVIII cando Dinamarca-Noruega e a Comunidade Polaco-Lituana lanzaron ataques sorpresa contra Suecia. En 1721 Rusia e os seus aliados gañaron a guerra contra Suecia. Como resultado Rusia puido anexionarse os territorios suecos de Estonia, Livonia, Ingria, e Carelia. Este feito puxo o punto e final ao Imperio Sueco e paralizou o seu poder no mar Báltico.
Suecia uniuse á cultura da Ilustración nas artes, a arquitectura, a ciencia e a educación. Entre 1570 e 1800 o país experimentou dous períodos de expansión urbana. Finlandia foi perdida a Rusia nunha guerra en 1808-1809.
A principios do século XIX Suecia perdeu Finlandia e o resto dos seus territorios fóra da Península Escandinava. A derradeira guerra de Suecia foi a guerra sueco-noruega de 1814. Suecia venceu e forzou o rei danés a cederlle Noruega. Noruega viuse na obriga de entrar nunha unión persoal con Suecia que durou ata o ano 1905. Dende 1814 Suecia estivo en paz, adoptando unha política exterior non aliñada en tempos de paz e de neutralidade en tempos de guerra. Durante a primeira guerra mundial Suecia permaneceu neutral. A prosperidade despois da guerra proporcionou as bases para as políticas de benestar social características da Suecia moderna. Durante a segunda guerra mundial o país mantívose novamente neutral, evitando o destino da Noruega ocupada. Suecia foi un dos primeiros países que non participaron na guerra en unirse á Nacións Unidas (fíxoo en 1946).[1]
Ademais disto, o país intentou manterse fóra das alianzas e permanecer oficialmente neutral durante toda a guerra fría; Suecia non se uniu á OTAN. O Partido Socialdemócrata gobernou durante 44 anos seguidos (1932-1976). As eleccións de 1976 levaron unha coalición de partidos liberais e de dereitas ao poder. Durante a guerra fría Suecia sospeitaba das superpotencias, recoñecendo que as decisións tomadas por elas afectaban a países máis pequenos sen que nuncaconsultasen con eses países. Co final do conflito, esas sospeitas diminuíron pero Suecia prefería manterse non aliñado.