Guerra das Comunidades de Castela
From Wikipedia, the free encyclopedia
A revolta e guerra das Comunidades de Castela foi un levantamento contra a coroa que tivo lugar entre 1520 e 1522, protagonizado polas cidades do interior da Coroa de Castela. Algúns historiadores cualifícana como a primeira revolución moderna de Europa, contra as pretensións do rei Carlos I de modificar o goberno da Coroa, subtraendo poder ás "Comunidades de Villa y Tierra castellanas" (as cidades) co obxectivo de profundar na centralización do poder. Outros cualifícana como un último intento dos casteláns de ancorarse na Idade Media e frear o avance do poder real, ó que suma un compoñente de odio ó estranxeiro nesta revolta. Son da primeira opinión José Antonio Maravall[1], Julio Valdeón Baruque ou o historiador francés Joseph Pérez[2], autor do libro Los comuneros, e quizais o maior experto no movemento comuneiro.
Fronte a eles, os partidarios da segunda opinión defenden que un maior poder real era garantía de modernidade, xa que era característico do medievo a fragmentación do poder e, no caso da coroa de Castela, a necesidade dos monarcas, desde antigo, de apoiarse nas cidades (nas denominadas "cidades con voto en Cortes", que tiñan un poder importante polo seu dereito a participar nas Cortes estamentais mediante o envío de representantes), polo que a Guerra das Comunidades suporía un último intento desas cidades por manter o poder que acumularan ó longo de séculos e impedir a continuación dun camiño cara ao absolutismo.
A revolta das Comunidades non foi unha revolta popular. [Cómpre referencia] Foi unha rebelión da comunidade política (a oligarquía local, a nobreza) contra o crecente poder do Rei. O que os comuneiros pretendían era frear ese incipiente absolutismo real para intentar conseguir un réxime político similar ó que tradicionalmente existira na Coroa de Aragón, [Cómpre referencia] un sistema de goberno pactista entre o Rei e o Reino (as Cortes), porque ven perder o seu poder fronte a un poder rexio cada vez máis absoluto. Economicamente, os comuneiros apostaron decididamente por fomentar o desenvolvemento dunha industria manufactureira castelá, o que os enfrontou ós grandes mercadores exportadores de Burgos. Por este motivo, o concello foi a única cidade castelá do bando realista[Cómpre referencia]. Malia o carácter urbano da rebelión, no verán de 1520 sumáronse no mundo rural numerosos insurrectos nos señoríos, desexando pasar ó reguengo.
En todo caso, trátase dun episodio notable e transcendente da historia.