Guerra cretense
From Wikipedia, the free encyclopedia
A guerra cretense (-205 - -200) foi librada polo rei Filipo V de Macedonia, a Liga Etolia, varias cidades cretenses (sendo Olunte e Hierápitna as máis importantes) e piratas espartanos contra as forzas de Rodas e, máis tarde, Atalo I de Pérgamo, Bizancio, Cícico, Atenas e Cnosos. Os macedonios acababan de finalizar a primeira guerra macedónica e Filipo, vendo a oportunidade de derrotar a Rodas, formou unha alianza cos etolios e os piratas espartanos quen comezaron a atacar os navíos rodios. Filipo tamén se aliou con varias cidades importantes de Creta, por exemplo Hierápitna e Olunte.[1] Mentres a economía e a frota rodias sufrían as depredacións dos piratas, Filipo creu que a súa oportunidade de esmagar a Rodas estaba cerca. Para achegarse á súa meta, formou unha nova alianza, esta vez con Antíoco III o Grande, rei do Imperio Seléucida, contra Tolomeo V de Exipto (o Imperio Seléucida e Exipto era os outros dous estados diádocos). Filipo comezou atacando os territorios de Tolomeo e os aliados de Rodas en Tracia e as proximidades do mar de Mármara. En -201, Rodas e as súas aliadas (Pérgamo, Cícico e Bizancio) combinaron as súas frotas e derrotaron a Filipo na batalla de Quíos. Poucos meses despois, a frota de Filipo derrotou aos rodios en Lade. Mentres Filipo se atopaba saqueando o territorio de Pérgamo e atacando cidades en Caria, Atalo I de Pérgamo dirixiuse a Atenas intentando crear unha distracción e conseguiu forxar unha alianza con eles, quen de inmediato declararon a guerra aos macedonios. O rei de Macedonia non puido permanecer inactivo e atacou os atenienses coa súa armada e parte da súa infantaría. Con todo, os romanos advertíronlle que retirase as súas tropas ou se enfrontaría a unha guerra contra Roma. Tras sufrir unha derrota ante as frotas rodias e pergamenas, Filipo retirouse, aínda que non sen antes atacar a cidade de Abidos no Helesponto. Logo dun asedio prolongado, Abidos caeu e a maior parte dos seus habitantes suicidáronse. Filipo rexeitou o ultimato romano e continuou atacando os estados gregos, polo que os romanos declararon a guerra a Macedonia. Isto deixou ás cidades cretenses sen grandes aliados e a maior cidade de Creta, Cnosos, uniuse aos rodios. Ante esta combinación de forzas, tanto Hierápitna como Olunte rendéronse e deberon asinar un tratado favorable para Rodas e Cnosos.
Neste artigo hai que completar diversas tarefas pendentes:
|