Grafiose
From Wikipedia, the free encyclopedia
A grafiose[1] é unha doenza fúnxica que afecta os umeiros (Ulmus sp.).[2][3] [nota 1]Parece ser que a súa orixe se atopa no leste de Asia, onde as especies de umeiros son máis resistentes e non se ven tan afectadas.[5] A doenza espallouse por Asia, Europa, Estados Unidos, Canadá e Nova Zelandia,[4] e provócaa un fungo do xénero Ophiostoma.[nota 2] Este organismo ocupa os vasos do xilema e esténdese provocando que as follas murchen e que a árbore morra.[6] O vector epidemiolóxico da grafiose son normalmente os escaravellos do xénero Scolytus,[7] que transportan no seu corpo esporas do fungo desde exemplares de umeiro doentes a exemplares sans.[8]
Grafiose | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
Téñense utilizado varias estratexias para combater a praga: eliminar exemplares mortos de umeiro ou partes afectadas da árbore, uso de insecticidas para impedir a proliferación de exemplares de Scolytus, eliminación de raíces-ponte entre exemplares achegados, uso de funxicidas e plantacións de umeiros resistentes ao fungo.[9][10] Esta enfermidade causou a morte de millóns de umeiros en Europa e América do Norte.[11] Contra o ano 1996 a grafiose devastara máis da metade dos umeiros do norte dos Estados Unidos;[12] nalgúns países europeos estas árbores atópanse case extintas.[13] No ano 1986 o 82% das forestas de umeiros españolas estaban afectadas.[13].