Golpe de Estado de Pavía
From Wikipedia, the free encyclopedia
O golpe de estado de Pavía, ou simplemente golpe de Pavía, foi un golpe de estado que se produciu en España o 3 de xaneiro de 1874, durante a Primeira República e que estivo encabezado polo xeneral Manuel Pavía, capitán xeneral de Castela a Nova cuxa xurisdición incluía Madrid. Consistiu na ocupación do edificio do Congreso dos Deputados por gardas civís e soldados que desaloxaron do mesmo aos deputados cando se estaba procedendo á votación dun novo presidente do Poder Executivo da República en substitución de Emilio Castelar que acababa de perder a moción de censura presentada por Francisco Pi e Margall, Estanislao Figueras e Nicolás Salmerón, líderes do sector do Partido Republicano Federal oposto á política «fóra da órbita republicana» do republicano unitario Castelar. Precisamente o obxectivo do golpe era impedir que Castelar fose desaloxado do goberno, aínda que como este tras o golpe non aceptou seguir no poder por medios antidemocráticos, o xeneral Pavía tivo que reunir aos partidos contrarios á república federal que decidiron pór á fronte do goberno nacional que promovía Pavía ao líder do conservador Partido Constitucional, o xeneral Francisco Serrano. Así se iniciou a segunda etapa da República que se adoita denominar «República Unitaria» ou «Ditadura de Serrano».
Entrada das forzas do xeneral Pavía no congreso dos Deputados. | |
Contexto do acontecemento | |
---|---|
Data | 3 de xaneiro de 1874 |
Lugar | España |
Impulsores | Manuel Pavía, Cristino Martos, Francisco Serrano Domínguez |
Motivos | Crise política na Primeira República e impedir a creación dun goberno republicano federal |
Influencias ideolóxicas dos impulsores | Conservadorismo, Liberalismo |
Goberno previo | |
Gobernante | Emilio Castelar |
Forma de goberno | República democrática federal |
Goberno resultante | |
Gobernante | Francisco Serrano Domínguez |
Forma de goberno | República ditatorial unitarista |
O xeneral Pavía nunha intervención parlamentaria do 13 de marzo de 1875, é dicir, despois de se produci-la Restauración borbónica, explicou con detalle o «acto do 3 de xaneiro», como el designou ao golpe de estado que encabezara —explicación que en 1878 publicou en forma de folleto—.[1]