Gloria Steinem
From Wikipedia, the free encyclopedia
Gloria Marie Steinem, máis coñecida como Gloria Steinem, nada en Toledo, Ohio o 25 de marzo de 1934, é unha xornalista e escritora estadounidense de orixe xudía, considerada unha icona do feminismo no seu país, así como unha activista dos dereitos da muller referente do movemento feminista estadounidense a finais de 1960 e principios de 1970.[1]
Foi columnista para o New York Magazine e unha das fundadoras da revista feminista liberal Ms. En 1969 publicou o artigo After Black Power, Women's Liberation (Despois do poder negro, a liberación das mulleres) que a converteu nunha líder do movemento feminista. Xunto a Betty Friedan é unha das referentes da chamada «segunda onda do feminismo».
En 1971 foi a autora dun dos discursos referentes do movemento feminista dos Estados Unidos do século XX durante a fundación da Asemblea Política Nacional de Mulleres: Chamamento ás mulleres de América.
En 2005 Steinem, Jane Fonda e Robin Morgan cofundaron o Women's Media Center, unha organización que ten como obxectivo facer visíbeis as mulleres nos medios de comunicación[2]
O 19 de maio de 2021 recibiu o Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades.