Galicia na Idade Moderna
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Idade Moderna comezou en Galicia a fins do século XV[1] coa súa inclusión definitiva dentro do proceso de construción do estado absolutista español. A partir do que a historiografía ten chamado "doma e castración do reino", o reino de Galicia perdeu iniciativa política e autonomía económica e a súa historia debe ser considerada a partir de entón dentro do marco da española. Nomeouse un Gobernador ou Capitán xeneral, constituíuse a Real Audiencia e designáronse tamén Corrixidores para as principais cidades que, con outras figuras, fixeron posíbel a consolidación dun poder monárquico centralizado. Cos Borbóns, a comezos do XVIII, a Intendencia asumiu as competencias de facenda e militares, os corrixidores as de policía e xustiza, e a Audiencia concentráronse nas de xustiza. Desde 1500 existiu unha Xunta, especie de parlamento sen poder ningún.