Extinción en masa
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha extinción en masa, evento de extinción ou crise biótica é un amplo e rápido decrecemento de biodiversidade na Terra. Dito evento identifícase por un abrupto cambio na diversidade e abundancia dos organismos multicelulares. Ocorre cando a taxa de extinción se incrementa con respecto á taxa de especiación. Como a maioría da diversidade e da biomasa da Terra é microbiana, e, por tanto, difícil de medir, os eventos de extinción rexistrados afectan os compoñentes complexos e doados de observar da biosfera en vez de á total diversidade e abundancia da vida.[2]
A extinción ocorre a unha velocidade desigual. Baseándose no rexistro fósil, a taxa de extinción de fondo na Terra é de aproximadamente dúas a cinco familias taxonómicas de animais mariños a cada millón de anos. Os fósiles mariños son os que se utilizan principalmente para medir as taxas de extinción debido ao seu superior rexistro fósil e rango estratigráfico comparados cos animais terrestres.
O evento da grande oxixenación foi probablemente o primeiro grande episodio de extinción. Desde a explosión cámbrica houbo cinco grandes extincións en masa máis que excederon significativamente a taxa de extinción de fondo. A máis recente e mellor coñecida, a extinción do Cretáceo-Paleoxeno, que ocorreu aproximadamente hai 66 millóns de anos, foi unha extinción en masa a grande escala de especies de animais e plantas nun curto período de tempo xeolóxico.[3] Ademais das cinco maiores extincións en masa, hai tamén numerosas outras menores, e a extinción en masa que puxeron en marcha as actividades humanas chámase ás veces a sexta extinción.[4][5][6][7] As extincións en masa parecen ser un fenómeno principalmente do Fanerozoico, con taxas de extinción baixas antes de que aparecesen os organismos complexos grandes.[8]
As estimacións da cantidade de extincións en masa grandes nos últimos 540 millóns de anos van desde só cinco a máis de vinte. Estas diferenzas débense ao limiar elixido para describir un evento de extinción como "grande" e a data elixida para medir a diversidade anterior.